O BNG considera que a reforma integral da piscina municipal é un proxecto vital para A Guarda e «miramos con preocupación todo o proceso para acometela pola falta de solvencia do goberno do PP de Roberto Carrero e Fariñas».

Os nacionalistas afirman que o goberno presidido por Carrero, «ten demostrado en todo o proceso incapacidade e falta de dilixencia para cumprir en tempo e forma con todos os trámites requiridos para que a subvención concedida de 1.500.000€ chegue a bo porto, a pesar das reiteradas advertencias que lle fixemos desde a oposición».

O portavoz do BNG, Anxo Baz manifestou que “os tramites realizados por este goberno a partir da concesión da subvención, solicitada no anterior mandato, comezaron a facerse tarde e sempre con prazos moi axustados o que -entre outras cousas- provocou que acabe de quedar deserta a licitación da contratación das obras, feito que vai atrasar aínda máis todo o procedemento e como consecuencia, dificultar que a obra poida realizarse dentro dos prazos marcados para poder recibir a subvención que ten concedida”.

Baz, rematou concluíndo que, “a pesar de todo o BNG téndelle a man ao goberno municipal para levar a obra adiante e evitar a perda dunha subvención dunha contía tan elevada para un concello como o noso”.