Antón Blanco Casás

O Concello de Gondomar, a editorial Galaxia e o Instituto de Estudos Miñoráns convocan ás persoas interesadas a asistiren ao acto de entrega do XVI Premio de Poesía Victoriano Taibo, galardón que recaeu no poeta arousán Antón Blanco Casás polo poemario titulado Bosque, publicado pola Editorial Galaxia.

Esta obra, que constitúe o segundo poemario de Antón Blanco Casás, é é unha obra poética que se adentra na linguaxe do primixenio, onde a natureza —especialmente o bosque— é territorio simbólico, escenario e corpo a un tempo. O poemario transita entre o arcaico e o contemporáneo, con referencias que van desde o neolítico ata ecos urbanos, entre fósiles, neanderthais, panteras, seixos e tifóns.

O xurado valorouna «a enunciación a través dunha voz épica e lírica a un tempo, a concepción da escrita como un oco a través do que se abre un bosque cunha capacidade de evocación insólita e a concepción da vida fluída e circular que integra corpo, natureza e escrita nunha relación intimamente ligada e horizontal». Unha obra de gran densidade e beleza, que esixe lectura pausada e atenta. Non é unha proposta de acceso inmediato, pero recompensa cunha experiencia poética fondamente orgánica, reflexiva e radical.

O propio autor describe Bosque como unha inmersión nun espazo onde o ser humano é secundario fronte á natureza, destacando elementos vexetais, xeolóxicos e animais. A obra presenta unha voz lírica que busca comprender o mundo a través dos sentidos, destacando a presenza de figuras como un neandertal e unha pantera perfumada, esta última inspirada na Divina Comedia de Dante. O autor sinala que o lector «vai realizar unha incursión no bosque para ser parte del».

Como parte do premio, Antón impartiu un obradoiro de poesía titulado «Soña tifóns unha neanderthalensis na boca da pantera» na sede do Instituto de Estudos Miñoráns en Gondomar. O taller, de carácter gratuíto e no que participaron máis de vinte persoas, constou de seis sesións presenciais que se desenvolveron entre xaneiro e marzo de 2025. O obxectivo foi que os participantes puidesen crear novas composicións ou mellorar as existentes, explorando técnicas poéticas e fomentando a creación literaria na comarca .