A deputada nacionalista Carmela González reclamou á Xunta no Parlamento que garante ao alumando da aula de Peitieiros do Colexio Rural Agrupado Antía Cal poder utilizar a partir do próximo curso o servizo do comedor do CEIP Neira Vilas, tendo en conta que ámbolos dous centros están un enfronte do outro e que a medida, clave para a conciliación das familias do CRA, é perfectamente asumible polo CEIP.  

González defendeu na comisión parlamentaria de Educación a necesidade de que todas as aulas do Antía Cal teñan servizo de comedor e, en relación ao caso concreto da de Peitieiros, recordou que os seus alumnos e alumnas puideron telo a través do Concello até o curso 2022-2023, exercicio académico no que o servizo foi asumido pola Xunta, que decidiu deixar ás familias sen comedor, se ben no 2023-2024 posibilitou o servizo no propio CEIP Neira Vilas aos dous últimos alumnos que, segundo o seu criterio, tiñan dereito a el por telo utilizado no curso anterior.

A situación provocada era tan inxusta, explicou, que mentres uns alumnos e alumnas marchaban coas coidadoras ao comedor do Neira Vilas, mentres os outros tiñan que ser recollidos polas súas familias para ir xantar á casa, co agravante de que ditas familias tiñan solicitado igualmente o servizo na reserva previa á matrícula dese curso.

“Ao PP éncheselle a boca falando de medidas de conciliación pero logo vemos como, en cousas tan simples como permitir que o alumnado dun centro poida cruzar a rúa para ir xantar a outro centro e así facilitar esa conciliación, non o fai”, criticou.

Logo de repasar a lexislación vixente, a deputada nacionalista explicou que o alumando do CRA de Peitieiros non pode usar o comedor do Neira Vilas “porque non hai unha autorización expresa da Consellería de Educación”, advertiu na súa intervención ao secretario xeral técnico do departamento autonómico, Manuel Vila.

“O que piden as familias é algo que se estivo facendo durante anos e que a consellería non quere que se faga”, reprochou, para recalcar a continuación que ámbolos dous centros están un enfronte do outro, que o CEIP Neira Vilas cumpre coas condicións para que se autorice a incorporación ao seu comedor do alumnado do Antía Cal de Peitieiros e que, por riba, a medida non implicaría investimentos adicionais.

“Falamos de poder cruzar a rúa para usar un comedor -o do Neira Vilas- que pode asumir perfectamente ao alumnado de Peitieiros, sen máis investimento, sen máis persoal, sen ampliación do propio comedor nin da necesidade de crear un novo”, incidiu, logo de reprobar ao responsable da consellería que pretendese botar balóns fóra sobre a quen corresponde o servizo, cando é competencia da Xunta e non dos concellos, ou falando de discriminación en relación ao resto de aulas do propio Antía Cal e doutros colexios rurais agrupados, cando todos deben ter garantido o acceso a un comedor.

“Mañá mesmo a consellería pode autorizar que os nenos e nenas do CRA de Peitieiros poidan xantar no comedor do Neira Vilas”, reiterou González, quen advertiu que, cando menos seis familias manifestaron xa expresamente que non van escolarizar aos seus fillos e fillas no Antía Cal porque non tiñan garantido un servizo fundamental para a conciliación, pese a estar moi interesadas no proxecto educativo deste centro.

“A caída do número de matrículas é claramente consecuencia da falta de servizos chamados complementarios, pero que as familias e o BNG consideramos esenciais para a conciliación entre a vida laboral e familiar”, concluíu.