Carmela Glez e Manuela Rguez no CEIP Souto Donas

O BNG de Gondomar reclama da Xunta o desdobramento da aula de 2º de primaria no CEIP Souto Donas, que no vindeiro curso 2025-2026 vai contar con 27 alumnas e alumnos, un número por riba da ratio establecida.

Unha situación que vén arrastrada do curso anterior pola decisión de non desdobrar a aula de 1º de primaria, que contaba xa con 24 crianzas, e que obrigou a unha familia a levar ao seu fillo a outro colexio a pesares de ter un irmán escolarizado nese centro. No próximo curso, a ese grupo súmanselle tres alumnos máis que non promocionaron de curso.

A portavoz municipal do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez, xunto á deputada nacionalista no parlamento galego Carmela González reuníronse este pasado luns en Donas cunha representación das familias afectadas, preocupadas polas consecuencias do excesivo número de alumnado de cara á correcta atención e formación dos seus fillos e fillas.

As nais e pais mostraron nesta xuntanza a súa indignación diante da decisión de Consellaría de non proceder a dividir o alumnado de 2º de primaria en dous grupos, tal e como recolle o acordo firmado en 2023 pola Xunta de Galiza cos sindicatos minoritarios do ensino.

Unhas medidas que, segundo o asinado, estaban destinadas a mellorar o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente a partir deste curso 2024/2025, pero que a Consellaría non executou.

O goberno galego do PP aproba acordos que logo se salta ou dita normas posteriores que lle permitan incumprilas”, denunciou a portavoz municipal do BNG. Unha cuestión que xa fora denunciada pola CIG, sindicato maioritario no ensino, cando advertían que este acordo sobre as ratios ía quedar en “papel mollado” se non se acurtaba o calendario de aplicación das novas cifras,  se estas  non mantiñan o mesmo rango legal de ratios máximas que as vixentes naquela altura, e se esas medidas non ían acompañadas dunha redución do horario lectivo.

Na mesma liña alertou o BNG, asegurando que no vindeiro curso esa aula de 2º de primaria debería ter un máximo de 20 alumnos e, de seren máis, tería que desdobrar en dúas aulas. “O que é inviábel é un grupo único de 27. Situación que pode empeorar de se diagnosticar nese grupo algún alumnado con necesidades especificas de apoio educativo, sumado a un Goberno galego que se nega a dotar as centros de persoal especializado para atendelo”, apunta Carmela González.

Dende o Bloque denunciaron nese sentido a pretensión da Xunta do PP de volver incumprir o seu propio acordo, o que deixaría máis “abandonada” á comunidade educativa. “Un ano máis a falla de docentes e de desdobramentos vai manter as ratios por aulas nuns máximos inasumíbeis para alumnado, persoal e familias”, lamentou Rodríguez.

Por estes motivos, a deputada Carmela González anunciou que o BNG vai trasladar tamén iniciativas ao Parlamento galego instando á Consellaría de Educación a autorizar o desdobramento e a dotar ao centro do persoal docente necesario para garantir unha correcta calidade educativa.