No pleno de xuño, o BNG presentou unha moción para instar o goberno local do Porriño a evitar eventos de masificación de persoas nas beiras do río. Este tipo de actividades producen unha alta contaminación acústica, unha gran produción de lixo e agudizan procesos erosivos por compactación na contorna natural do paseo do Louro, un espazo que debería ser de especial protección.
«Hai tres anos, o pleno aprobou por unanimidade, cos votos do PP, converter o Louro nun ENIL (Espazo Natural de Interese Local). Dende ese momento, o goberno de Alejandro Lorenzo non fixo nada por facer efectivo ese acordo e desenvolveu numerosas accións contrarias, que atentan contra o río», sinalan dende o BNG e din que «non están en contra da organización deste tipo de eventos, especialmente, con aqueles que diversifiquen a oferta cultural no noso concello. Este é o caso do concerto de Baiuca, encadrado no programa da Deputación Orballo Cultural. Mais o que non é acertado é a escolla do espazo».
Este tipo de concertos son anunciados «nun suposto Parque do río Louro que non existe» rexistrado oficialmente como tal, nin como rúa nin como área. «O concello do PP non ten unha clara definición de que é o que quere desta área. Por unha banda, leva anunciando que pretende crear no Louro un espazo de elevada calidade ambiental, tal e como aparece recollido no PAI que presentaron; pero, ó mesmo tempo, pretende que sexa unha área multidisciplinar, un espazo natural multifucional. Son todos conceptos carentes de tratamento rigoroso, ecolóxico, cultural e científico, e que se contradín», afirman.
Dende o BNG insisten en que ou apóstase pola protección do río Louro ou convértese nun lugar desnaturalizado e agredido máis do noso concello. “O que nos queda do río Louro e o seu bosque de ribeira pódese converter nun parque temático multidisciplinar no que teñan cabida desde pistas de atletismo, eventos culturais masificados, parques, celebración de vodas, aparcadoiros para coches, lixo… todo menos a atención real de mellora ecolóxica que é o que lle dá vida ao propio espazo natural. Preocúpanos estarmos ante unha segunda Gándaras de Budiño: a desprotección ambiental é xustamente o que fai que o noso concello sexa visto como un lugar hostil para vivir”, indica Marcelo Rodríguez, concelleiro do BNG.
