O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Gondomar convoca á veciñanza do conxunto das parroquias do concello a unha xuntanza aberta de debate sobre diversos aspectos da xestión do actual goberno municipal. A reunión será este luns 28 de xullo, ás 20:30h no Centro Neural de Gondomar (edificio onde está a base da policía local).
Na reunión farase unha análise da situación no concello a respecto da prestación de servizos básicos municipais como o saneamento, das actuacións ou carencias en mobilidade nas estradas e camiños, sobre as humanizacións, o transporte, e calquera outro asunto que sexa de interese para a veciñanza.
Co apoio de imaxes, o BNG fará unha aproximación ao verdadeiro alcance dos proxectos incluídos polo goberno local no contrato de concesión dos servizos de abastecemento e saneamento.
En canto á mobilidade, porán o foco no que supón a deficiente actuación realizada na estrada de Borreiros a respecto do proxecto de beirarrúas prometido no seu día polo Alcalde, e tamén na negativa da goberno da Xunta a humanizar a estrada PO-331 ao seu paso por Vincios.
E á vista dos proxectos presentados polo Concello ao plan de obras e servizos da Deputación para os anos 2024 e 2025, farán unha análise das prioridades do goberno de Paco Ferreira.
Desde o BNG convidan á veciñas e veciños a participar do debate e a realizar as súas achegas, sobre estas e outras problemáticas ou cuestións que consideren de interese, co fin de que poidan ser trasladadas posteriormente en forma de iniciativas ao Concello, á Deputación ou á Xunta, como institucións competentes para a súa solución.
