O pasado 29 de xullo foi asasinada Teresa de Jesús, empregada do Servizo de Axuda no Fogar mentres desenvolvía o seu traballo en Atios. «Un feito excepcional e gravísimo que evidencia da maneira máis cruenta os riscos aos que se expoñen as traballadoras do SAF diariamente, e o que é máis grave, que por parte deste concello non se asegurou a súa integridade física e emocional», afirman desde o BNG do Porriño.

Coñecedoras desta situación, desde o Bloque Nacionalista Galego «consideramos que o asasinato de Teresa de Jesús debe supor un punto de inflexión para introducir mudanzas, especialmente normativas, que melloren a prestación do servizo e outorguen máis garantías e mellores condicións laborais para as traballadoras e as entidades e administracións responsábeis do servizo, ao tempo que se garantan os dereitos das persoas usuarias«, indican.

É por iso que desde o BNG presentan un escrito no que solicitan ao goberno local:

  1. Exixir á Xunta de Galiza de maneira inmediata unha mesa de traballo cos concellos galegos —a través da Fegamp— e coas representantes das traballadoras e a representación empresarial do sector do Servizo de Axuda no Fogar, co obxectivo de elaborar protocolos de prevención e intervención en casos de agresión ou ameazas no domicilio, violencia machista ou discriminación para permitir que o concello poida aplicar medidas de suspensión temporal ou total do servizo nos casos de vulneración de dereitos. As conclusións deben levar a aprobar as modificacións normativas oportunas que permitan adoptar, sen demoras, medidas de suspensión temporal ou total do servizo en casos de denuncia por agresión, ameazas, violencia machista ou discriminación, entre outros (con seguridade xurídica para os concellos e as empresas adxudicatarias)
  2. No exercicio das nosas facultades de fiscalización e atendendo ao interese público do suceso, ao respecto da vulneración dos dereitos fundamentais da traballadora do SAF Teresa de Jesús durante a prestación do servizo público, solicitamos a creación dunha comisión de investigación, para ter coñecemento de toda información detallada dos feitos que rodearon a morte de Teresa de Jesús e a falta de avaliación de riscos e medidas de seguridade da empresa concesionaria e do concello.
  3. Pedimos tamén a convocatoria inmediata dunha xunta de portavoces; desde o BNG vimos defendendo a urxencia de acometer unha reforma estrutural do SAF para adaptalo ás necesidades actuais que permita garantir mellores condicións laborais e salariais das traballadoras que queremos someter a debate, ademais de garantir unha xestión máis eficaz e eficiente do SAF ás usuarias.