O PSOE da Guarda afirma que estes días «vimos como, a través das redes sociais do Concello, aseguraba que “non houbera avances significativos” na apertura da rúa Baixo Muro – Ireira ata a compra da parcela realizada agora. Iso é unha mentira en maiúsculas».
Indican que cando Carrero chegou ao goberno en 2023 xa o PSOE xestionara a modificación puntual do Plan Xeral que era obrigatorio facer para poder abrir a rúa. «Xa lle quedara o proxecto redactado e conseguidos todos os permisos de Patrimonio, incluso tiña diñeiro para facelo, porque se deixara reservado«, apuntan os socialistas.
Matizan que sen todos eses trámites previos, a apertura sería imposible. «E todo iso estaba feito antes de que Carrero chegase ao goberno, e a pesar de ter todo iso avanzado atrasou esta obra dous anos, e agora quere poñerse medallas. É incrible a falta de honestidade deste rexedor. Os feitos están aí, e son públicos, e poden comprobarse na web do concello en noticias publicadas en 2019, 2020 e 2022″, comenta nun comunicado de prensa.
Advirten que o problema «non é só esta mentira. O problema é que non é a primeira, nin a segunda. Xa nos enganou co tema dos cobros da Deputación, tamén enganou cando afirmou que o Concello quedara sen fondos tras o paso dos socialistas, e agora volve facelo con este asunto. Sempre o mesmo patrón: negar a evidencia e manipular a realidade».
Explican no comunicado que un alcalde «pode equivocarse, pode ter outra visión, pode mesmo discrepar, o que non pode facer é mentir sistematicamente á cidadanía. Porque cando se perde a confianza, pérdese todo».
Rematan dicindo que «nós non imos permitir que se reescriba a historia ao gusto de Carrero. A apertura desta rúa é froito de anos de traballo e planificación, e a veciñanza ten dereito a coñecer a verdade. A Guarda precisa un goberno serio, honesto e que mire polos intereses comúns, non un alcalde que fai da mentira o seu xeito de gobernar».
