O goberno de Paco Ferreira tumba unha nova proposta do BNG para poñer en marcha o servizo de baleirado de fosas sépticas e pozos negros. O grupo municipal do PSOE xunto coa tránsfuga Rocío Cambra volven sumar os seus votos contra a implantación dunha medida que beneficiaría á veciñanza sen saneamento.

A moción nacionalista instaba a Ferreira a aproveitar a paralización do concurso para a concesión do abastecemento e saneamento municipais, por parte do Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia (TACGAL), para incluír no contrato a prestación do servizo de baleirado de fosas sépticas por parte da empresa concesionaria.

Para o BNG este é un servizo transitorio imprescindible en Gondomar, un concello onde hai arredor de 3.000 vivendas sen sanemento e onde “quen carece del paga por un único baleirado anual privado –uns 130€ como mínimo– o equivalente a cinco anos da actual taxa do servizo de saneamento público municipal (25,46€/ano)”, explica Manuela Rodríguez, a portavoz municipal do BNG en Gondomar.

Rodríguez reiterou no debate plenario que, malia os “grandes anuncios” do Alcalde, aínda que finalmente se executaran todos os proxectos incluídos no contrato de privatización do saneamento, as novas conexións á rede municipal non chegarían nin a 150, “un incremento irrelevante tendo en conta o elevado número de vivendas que quedan fóra dela”.

A voceira do BNG considera lamentable esta reiterada negativa, pero manifesta que “non esperabamos outra cousa”. Porque, aínda que durante o debate doutra moción do BNG no mes de febreiro o alcalde recoñeceu saber de sobra as carencias do saneamento en todo o municipio e malia afirmar que ía redactar unha ordenanza de baleirado, “deixou claro que ese servizo non é a súa prioridade”, critica Rodríguez. Temos un alcalde que “non só leva dez anos sen investir en saneamento novo, senón que lle nega á veciñanza un servizo que, demais de lle facilitar a xestión, lle suporía un importante aforro económico”.

Mais desde o Bloque insisten, e, se finalmente o contrato segue adiante sen incluír o servizo de baleirado, instan a que o Concello o poña en marcha con medios propios. Afirman que “Gondomar ten que ter recursos de sobra para prestar este servizo se o poden facer outros concellos similares ao noso ou incluso máis pequenos, como Tomiño ou Mondariz, por exemplo”. Se non se fai é “simplemente porque Ferreira non quere”.