Segundo o BNG, «o Concello da Guarda está a piques de perder unha subvención de un millón e medio de euros de fondos europeos para a reforma integral da piscina municipal».
«O incumprimento de prazos, a ausencia de xestión, e a incompetencia que caracteriza ao goberno do PP de Carrero e Fariñas provocou que a día de hoxe estea paralizada a licitación da obra que tería que estar rematada en marzo de 2026«, din os nacionalistas.
O portavoz municipal do BNG na Guarda, Anxo Baz manifestou que ”a pesar das múltiples advertencias e chamadas de atención que lle temos feito desde a oposición, nomeadamente desde o BNG, o desinterese e a ineptitude do goberno de Roberto Carrero, levounos a esta situación na que estamos a piques de perder nada menos que un millón e medio de euros e poñendo en perigo o futuro da piscina. Con dous anos e medio de marxe e unha subvención tan importante, calquera goberno minimamente adicado ás súas funcións, tería o proxecto en fase de execución”.
O nacionalista concluíu a súa intervención dicindo que «estamos diante dun episodio de absoluta vergoña, a incapacidade para xestionar a reforma da piscina municipal evidencia unha vez máis que Roberto Carrero é un lastre para o futuro da Guarda”.
