O PSdeG-PSOE pechou hoxe o ciclo de renovación de tódolos órganos do partido coa constitución do Comité Provincial, máximo órgano entre congresos, e no que están representadas tódalas agrupacións socialistas da provincia.
Nun ambiente de total unidade e co liderado de David Regades, que afronta a súa terceira etapa como secretario xeral, o socialismo pisa o acelerador de cara ás eleccións municipais de 2027 co obxectivo claro de “reforzar a hexemonía nas alcaldías e de volver poñer á Deputación ao servizo desta provincia”.
Completouse así a andaina iniciada o pasado 3 de maio, co 5º Congreso provincial, no que Regades foi elixido, por unanimidade, como secretario xeral á fronte dunha nova Executiva provincial que combina continuidade e renovación. A partir de aí o partido renovou as direccións locais no territorio e o proceso chega agora ao seu fin coa toma de posesión do novo Comité Provincial, no que está representada toda a provincia.
Tras agradecer “a honra de ser secretario xeral dende o ano 2017 e de ter sido elixido tres veces”, David Regades puxo en valor o nivel de unidade e de diálogo alcanzado “que é mérito de todas e todos, e o traballo que temos feito en clave de provincia e que nos fai sentir moito orgullo da imaxe do socialismo ante a cidadanía”.
O secretario xeral subliñou que “nesta nova andaina insistiremos en máis diálogo, máis acordos e máis consensos”, e chamou ao traballo colectivo para un obxectivo común nas eleccións municipais de 2027: “mellorar aínda máis os resultados de 2019 cando logramos 19 alcaldías e volver a poñer a Deputación de Pontevedra ao servizo da xente, que agora so funciona de forma partidista como unha sucursal da Xunta e que sobrevive unicamente cos proxectos que deixou o PSdeG-PSOE cando a gobernou”. Neste sentido, David Regades expresou optimismo. “A xente nos quere votar e temos que traballar para que nos vote. Temos proxectos en cada un dos concellos, seguimos sendo o partido que goberna máis xente e que sabe que pode confiar en nós. Imos mellorar de forma substancial e iso sábeno o PP e o BNG”, engadeu.
O Secretario Xeral tamén aplaudiu e mostrou o seu orgullo “por estar no lado correcto da historia sen escapar dos debates que preocupan á xente como é o xenocidio en Palestina fronte ao que a xente desta provincia está a participar activamente”. Tamén mostrou o seu optimismo polas boas perspectivas económicas do país “lle pese a quen lle pese, cun goberno en España, o máis social da democracia e o que máis medidas puxo en marcha para mellorar a vida da xente”
Na súa intervención, David Regades tamén exhortou ao partido a seguir traballando, “máis si cabe”, para argallar unha alternativa solvente ao PP na Xunta. Lamentou a carencia dun proxecto serio do Partido Popular para Galicia, “que ate agora ninguén coñece”, e lamentou “a súa política de confrontación permanente co Goberno de España, esquecéndose da lealdade institucional e das necesidades da xente que está farta de ruído”.
Denunciou a falta de políticas públicas citando “a súa nula xestión en materia de emerxencias como ocorreu este verán, a ausencia dunha estratexia para a preservación do rural, a mala xestión económica que lle supón varapalo tras varapalo do propio Consello de Contas, ou o abandono das políticas sociais como o caso da atención á dependencia co modelo intolerable do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)». No caso da industria e o emprego, o Secretario Xeral do PSdeG-PSOE lamentou a total ausencia do PP neste ámbito, “cuxo modelo de desenvolvemento industrial e económico para Galicia resúmese cunha soa palabra: Altri, un desastre que vai culminar con outro fracaso pola oposición da cidadanía e das institucións competentes”.
