O BNG de Baiona denuncia que «o goberno municipal do PP suba un 25% a taxa da recollida de residuos sólidos urbanos co que os baioneses pagarán 97,81 €».
Iago Pereira, portavoz municipal, indica que “a manifesta incapacidade de xestión por parte do goberno municipal do PP en todo o quen ten que ver co lixo, limpeza viaria, compostaxe, limpeza nas parroquias e posta en valor dos espazos naturais é unha realidade. Ou ben non se recolle o lixo, sobre todo en zonas das parroquias; ou tardan 2 anos en atopar estrutúrante para as zonas comúns de compostaxe; ou son incapaces de xestionar para que se limpen as parroquias; ou abandonan calquera xestión municipal da rede natura na Foz do Miñor.”
Continúa Pereira dicindo que “ante esta situación caótica da área de medio ambiente, a este goberno da Almuíña so se lle ocorre a suba de impostos nun 25%. Consideramos un incremento desmesurado tendo en conta que outros gobernos, e en situacións extremas como unha pandemia e uns prezos do combustible moi superiores aos actuais, xestionamos estas áreas con accións e iniciativas que a incapacidade do actual goberno está deixando esmorecer”.
O portavoz municipal do BNG remata apuntando que “a única explicación desta brutal subida da taxa do lixo é a privatización do servizo que ten preparado este goberno. É dicir, a recadación a maiores da que se vai dispoñer é para xustificar o custe da privatización e rematará nos petos da empresa privada”.
