O CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo pertencente a Rede CIGUS, organiza o venres 17, as 9:00 horas, no espazo Incuvi, un evento para debater sobre a desinformación e fomentar os valores igualitarios no ámbito científico.

A xornada Fake news de xénero na ciencia servirá para analizar o impacto das noticias falsas de xénero no ámbito científico, poñendo o foco nos bulos e en como estas narrativas falsas contribúen a perpetuar estereotipos, reducir a visibilidade das mulleres e debilitar a confianza pública na ciencia.

Esta iniciativa está en liña co compromiso do CINBIO para promover a igualdade na ciencia e reforzar a visibilización das mulleres investigadoras, a alfabetización mediática e a loita contra os discursos desinformativos que perpetúan a desigualdade. De feito, toma a remuda doutras propostas organizadas polo centros como Emprendendo con perspectiva de xénero, Fundrising inclusivo como forza de cambio social ou Falemos de ciencia e igualdade, entre outras.

O evento centrarase no impacto da desinformación desde a perspectiva de xénero, “ofrecendo formación específica en verificación de datos, fomentando o pensamento crítico e dotando ás persoas participantes de estratexias para detectar información errónea”, explican desde a organización.

A xornada forma parte da convocatoria de axudas da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na institución académica.

Ponencias marco, casos prácticos e sesións interactivas para combater a desinformación

A xornada dará comezo ás 9:00 horas coa benvida institucional e presentación a cargo da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; a directora da Unidade de Igualdade da mesma institución, Yolanda Rodríguez; e o director do CINBIO, Miguel Ángel Correa, que darán paso ao primeiro bloque, centrado na desinformación de xénero na ciencia.

Coa participación de Vivian Rangel, xornalista especializada en Alfabetización Mediática en Maldita Educa, e a dinamización a cargo de Lorena Blach, da unidade de xestión do CINBIO, os bulos e narrativas desinformadoras de xénero e a análise das tipoloxías e motivacións da desinformación, serán os puntos clave dese primeiro bloque da xornada.

Tras unha breve pausa, que permitirá ás persoas asistentes compartir ideas e experiencias, así como promover as sinerxías, o segundo bloque porá o foco nas ferramentas de verificación de datos e estratexias contra as fake news, cunha sesión práctica dinamizada por Erika Conde Vázquez, investigadora e docente no ámbito da comunicación, con experiencia en desinformación, comunicación política e medios dixitais.

Seguidamente, expertas en comunicación científica, igualdade e verifación de datos como María Lameiras, doutora en Psicoloxía e profesora da Universidade de Vigo; Alberto Dafonte Gómez, doutor en Comunicación Audiovisual e Publicidade, e  Profesor Titular na UVigo; Verónica Salgueiriño, investigadora principal do grupo de Nanomateriais Híbridos e membro do Comité de RRI, Igualdade e non discriminación do CINBIO; e Elena Martín, realizadora audiovisual, xornalista e tradutora, integrarán unha mesa redonda na que compartirán a súa experiencia arredor dos desafíos e boas prácticas para combater a desinformación.

Finalmente, a clausura desta acción formativa contará coa presenza de María Quintiana Pérez, directora xeral de Promoción da Igualdade e presidenta da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia.

A inscrición previa xa está dispoñible

As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente a través do formulario que xa está dispoñible na web do CINBIO, sendo unha acción formativa aberta ao público xeral, e de especial interese tanto para o persoal investigador do CINBIO como para membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo.