ALFREDO

Non é a primeira vez que dende MM denuncian a habilidade do Sr Ferreira para «disfrazar de xestión exitosa o que non é máis que abusar indiscriminadamente dos remanentes (aforro), ou ordenar a dedo a execución dun investimento que realizan outras  administracións alí onde o Alcalde entende que lle é máis rendíbel eleitoralmente ou, onde lle dá máis locemento persoal».

Agora ben, -din- «as cousas cambian cando se trata de xestionar, negociar, consensuar proxectos e investimentos con outras administracións con tempos, prazos e pautas fóra do seu control. Aquí é onde se ve ás claras a incapacidade do Sr Ferreira deixando ao descuberto a súa política de postureo e de selfies na que é un experto. Sirvan como exemplos as obras da drenaxe do Río Zamáns para evitar as enchentes na vila, ou o enfrontamento artificial coa Consellaría de Industria e Economía polas achegas de recursos financeiros para complementar o orzamento das obras da primeira fase do Polígono Industrial da Pasaxe. Por certo, tamén é denunciable a ocultación deste feito tan grave dende o ano 2023 e que agora coñecemos pola obriga de entregar os decretos e as resolucións antes dos plenos».

Todo isto resulta moito máis grave se temos en conta «que o Sr. Ferreira, malia contar cunha oposición municipal propositiva e dialogante que presenta en cada Pleno ducias de iniciativas de todo tipo, D. Paco desprézaas todas por sistema. Incluso aquelas que el mesmo aproba e que despois pasan a durmir o sono dos xustos nos caixóns da Alcaldía».

«Mellor lle iría a Gondomar se o Sr. Alcalde atendera en positivo as nosas propostas e, obviamente as que lle fan dende o movemento veciñal. En fin, el saberá. O resultado de tanta prepotencia é a perda de oportunidades que serían moi relevantes á hora de mellora a calidade de vida da veciñanza de Gondomar e de aumentar os nosos recurso de todo tipo, qquí traemos un deses casos, de extrema gravidade, que nin todos os vídeos ou selfies de propaganda que produce a “factoria Ferreira” poden agochar tanto desleixo», indican desde Manifesto Miñor.

Agora sabemos que unha subvención do Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana, por importe de 548.578,74€, ingresado nas arcas municipais en xuño de 2023 para actuacións en edificios públicos municipais, «nin foi investida nin foi devolta, polo que agora toca devolvela á requirimento do Ministerio xunto cunha penalización de 42.470,27€ en concepto dos xuros producidos nese período de dous anos».

«O Sr. Ferreira, como mínimo, debería pedir desculpas públicas e explicar con detalle os motivos de semellante  desleixo. Dende MM esixirémoslle explicacións no vindeiro pleno de novembro«, rematan.