O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de presentar unha moción para que o Concello acometa un plan de reposición e instalación de novas papeleiras con sistema de separación de residuos.

A iniciativa chega despois «das numerosas queixas veciñais pola retirada progresiva de papeleiras en distintos puntos da vila, o que está a provocar máis sucidade nas rúas e dificultade para a correcta xestión dos pequenos residuos«, sinalan os socialistas.

A súa voceira, Fátima Rodríguez, explicou que “non se lle pode pedir á cidadanía que cumpra coa ordenanza municipal se o propio Concello non garante os medios mínimos. Sen papeleiras suficientes é imposible manter as rúas en bo estado e cumprir a normativa, que ademais impide depositar residuos menores directamente nos contedores”.

A moción lembra que a actual ordenanza de limpeza «establece a obrigatoriedade de utilizar papeleiras para restos pequenos, papeis, envoltorios ou botellas baleiras, polo que a súa ausencia en rúas, parques e zonas de tránsito está a xerar confusión e unha peor imaxe da localidade«, explican.

Por este motivo, o PSOE propón catro medidas clave:

  • Reposición das papeleiras retiradas nos últimos anos, priorizando os puntos onde a súa falta provoca vertidos ou sucidade.
  • Instalación progresiva de papeleiras con sistema separativo (orgánico, envases, papel/cartón e resto) en rúas comerciais, prazas, zonas escolares, parques e áreas turísticas.
  • Mantemento e baleirado diferenciados, garantindo unha xestión correcta de cada fracción de residuo.
  • Posta en marcha dunha campaña informativa, para fomentar o uso responsable das novas papeleiras e promover hábitos de reciclaxe no espazo público.

Rodríguez destacou que “é hora de avanzar cara a un modelo de limpeza e reciclaxe adaptado ao século XXI. Outros concellos de Galicia xa dispoñen de papeleiras separativas, e a Guarda non pode quedar atrás”.

O Grupo Municipal Socialista agarda que a proposta sexa «apoiada polo goberno local e que se inicie canto antes un plan que responda a unha demanda cidadá evidente e que melloraría de forma inmediata a limpeza e a imaxe da vila», finalizan.