A finais do ano 2022 o grupo municipal socialista de Tomiño levou ó Pleno as queixas e demandas da veciñanza do Camiño Amoña, en Carregal, na parroquia de Amorín, «ante a imposibilidade de acceder ás súas vivendas en numerosas ocasións».

Segundo os socialistas, «esa rúa non conta con canalización das augas pluviais o que ocasiona graves inundacións nos portais das casas impedido o acceso aos donos ás vivendas de maneira peonil, nin sequera equipados con botas de auga. Tampouco os vehículos poden acceder ós garaxes polo que os propietarios vense na obriga de deixalos na rúa».

Días despois do rogo da voceira socialista, o Concelleiro da área achegouse para comprobar «in situ» a situación pero «pese a constatar que a causa das inundacións é a falta de canalización de pluviais, non se fixo absolutamente nada para remediar esa situación«, din.

Ante a falta de actuacións, as socialistas volveron a levar este grave problema no Camiño Amoña ao Pleno Municipal celebrado o pasado 30 de outubro. «A incredulidade das Concelleiras socialistas foi maiúscula ao escoitar ao Concelleiro responsable dicir que non ten previsto nin intención de facer ningunha actuación nesa rúa para solucionar o problema, o cal significa que os veciños seguirán sen poder acceder ás súas vivendas cando chove», afirman.

É absolutamente incomprensible que este Goberno, abandone e maltrate desta maneira á veciñanza. E máis incomprensible aínda se se ten en conta que no Pleno de outubro aprobaron unha modificación de crédito por importe de 450.000€ financiado con remanente de tesourería para gastos correntes e porén non teñan a empatía e sensibilidade con estes veciños que tan mal o están a pasar”, comentan.

O Goberno nacionalista de Tomiño dalle as costas ás persoas, non están a carón da xente e non ten intención de mellorar a vida da veciñanza, polo tanto, non é o Goberno que Tomiño merece”, manifesta Violeta de Santiago.