O BNG levará á reunión da Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Val de Miñor deste mércores a proposta de convocar unha concentración en Gondomar para lle esixir á Xunta a substitución da praza de pediatría sen cubrir desde hai máis dun mes por baixa médica da persoa titular.

A non cobertura do persoal de baixa, «práctica habitual do SERGAS«, provoca que a poboación non estea debidamente atendida. Neste caso, «as nenas e nenos de entre 0 e 14  anos de Gondomar que precisan atención médica son derivadas a outros centros de saúde».

Esta situación supón ser atendidos cada vez por un profesional distinto e nun concello distinto, cos prexuízos que isto ocasiona para pacientes e familias. Ademais, para as médicas, o ter que asumir a atención de pacientes doutra praza provoca unha sobrecarga de traballo que pode acabar provocando a deterioración da calidade asistencial e da súa propia saúde.

Cunha poboación de máis de 1.000 menores de 14 anos, que en Gondomar xa non teñen opción de atención de tarde no seu propio centro de referencia, esta situación de estar sen pediatra no CS supón «un atranco máis nas vidas e na saúde do conxunto da poboación do concello». Por esa razón o BNG proporá que a Plataforma da Sanidade convoque concentración para o vindeiro sábado 29 de novembro ás 12h no centro da vila, «que será oportunamente anunciada para posibilitar a maior asistencia».