O Bloque Nacionalista Galego, como cada ano, presentou varias propostas para que o goberno galego invista en Baiona a través das emendas parciais á proposta de orzamentos da Xunta para o exercicio 2026.
Para este curso «e ante o total desleixo do actual goberno municipal de Almuíña en materia de investimentos, mantemento e reparacións, proponse que se poña en condicións óptimas para o seu uso o paseo de madeira; a posta en marcha cun carácter social da coñecida como “Casa Teresinas”; melloras infraestruturais e de equipamento nos colexios públicos que presentan importantes necesidades en materia de illado de fiestras, melloras de accesibilidade ou fechado parcial de patios; conservación e posta en valor do patrimonio da Serra da Groba; seguridade viaria da PO-552; liñas de transporte directas coa Uvigo e o Hospital Álvaro Cunqueiro; a construción dunha nova Escola Educación Infantil para cubrir as necesidades da veciñanza; e unha Promoción de vivenda pública ven sexa en construción, rehabilitación ou en réxime de alugueiro de baixo custe, no camiño de garantir o dereito de acceso á vivenda», sinalan desde o BNG.
Afirman os nacionalistas que Baiona «soporta unha grande presión turística que está imposibilitando este dereito a baionesas e baioneses provocando a expulsión da poboación moza autóctona; e a creación dun Centro de Interpretación da Natureza na coñecida como “Casa Rosa”.
Do mesmo xeito, -din- hai propostas comúns para o conxunto dos tres concellos do Val Miñor como un estudo para a recuperación ecolóxica da Foz do Miñor, unha residencia de maiores, a ampliación dos profesionais do servizo de saúde mental do centro de especialidades do Val Miñor, a creación dun punto de encontro familiar ou a gratuidade da autoestrada AG-57.
