Neste 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, o BNG denuncia o negacionismo “activo ou pasivo” que está abrazando  a dereita, en Galiza e no Estado, e que fai que «institucións como a Xunta baixen a garda diante dun tema de vital importancia para as mulleres, o dereito a unha vida libre de violencias machistas».

A concelleira nacionalista da Guarda, Bea Lomba afirma que “compre denunciar o negacionismo que estamos vendo nos pactos PP-Vox ou nunha Xunta de Galiza gobernada polo PP que recorta o orzamento destinado á violencia machista e que  preferiu amparar un presunto agresor sexual que defender a vítima”.

“A violencia machista matou en Galiza máis de 60 mulleres desde o 2008 e mantén hoxe 6.000 dentro do sistema Viogen”, manifestou Bea Lomba que advertiu do “efecto perverso que o negacionismo ten na loita contra a violencia machista porque alimenta a súa invisibilización e impide avanzar no dereito a ser libres. Ocorre en Galiza, cando se cumpren 18 anos desde a aprobación da Lei de Violencia Machista, aínda está sen desenvolver en aspectos fundamentais como a prevención, a coeducación ou a atención psicolóxica ás vítimas en Atención Primaria”.

Pola súa parte a concelleira Nuria Vázquez, que será a encargada de defender a moción do BNG contra a violencia machista no pleno que se celebrará o próximo mércores 26 no Concello da Guarda denunciou “imos celebrar  este 25-N cun recorte de máis dun millón de  euros no orzamento de 2026 para esta materia. Esta é a proposta do PP de Rueda para o 25-N: recortar e aplicar a tesoira nos orzamentos de violencia machista”.

Por todo isto Nuria Vázquez, anunciou que no próximo pleno o BNG no concello da Guarda presenta unha moción para reclamarlle á Xunta de Galiza que “pare” o recorte orzamentario previsto para 2026 e atenda ás recomendacións e deficiencias sinaladas polo Consello de Contas  para a prevención integral da violencia de xénero. A proposta das nacionalistas tamén recolle a ampliación da  atención psicolóxica ás vítimas, que hoxe só chega a un terzo das que están incluídas no sistema Viogen. Para iso é necesario, reclamou Nuria Vázquez, “reforzar con urxencia o cadro de persoal dos centros de Atención Primaria coa contratación de máis profesionais de psicoloxía, que permitan acadar progresivamente o obxectivo de atender, as mulleres que denuncian”.