Segundo o BNG, «o goberno do PSOE de Paco Ferreira vota en contra da libre expresión no concello de Gondomar». Din que o alcalde «négase a habilitar paneis que veciñanza e entidades poidan utilizar libremente para publicar as súas comunicacións e eventos como solicitaba a moción presentada no pleno polo BNG».
Recentemente o goberno local abriu un expediente sancionador por infracción en materia medio ambiental contra o Bloque pola colocación de cartelaría dunha campaña a prol da seguranza viaria e da mellora da mobilidade.
Desde o BNG consideran que este expediente, do que non se coñece ningún caso até agora e que podería levar aparellada unha sanción económica de até 750€, senta un precedente que cómpre ter en conta para o futuro; é, en palabras da nacionalista Manuela Rodríguez “un claro aviso para discrepantes”.
A colocación de carteis de anuncio e comunicación diversa é práctica habitual de entidades de todo tipo, sociais, políticas, culturais, veciñais, deportivas, medioambientais; mesmo de veciñas e veciños a título individual para recuperar un animal perdido ou para ofrecer servizos. Por iso para o BNG fica clara a necesidade de as dotar de paneis específicos para ese fin, “para que sigan a ter voz sen a ameaza dunha sanción”, indican.
A proposta do BNG de distribuír eses paneis de libre expresión por todas as parroquias, en puntos estratéxicos de cada unha delas, tiña o propósito de “proporcionar un espazo inclusivo e democrático onde se poida dar voz a toda a diversidade de Gondomar”, explica Rodríguez.
Desde carteis anunciando eventos culturais, deportivos ou sociais, até reivindicacións de grupos cidadáns e políticos, eses espazos deberan converterse en plataformas abertas para a comunicación e a participación cidadá, e servir tamén como espazo para compartir información relevante e promover a cohesión comunitaria. «Representarían un punto de encontro para expresar ideas, difundir eventos e promover causas, é a iso ao que lle ten medo a Ferreira?”, pregúntanse no BNG.
Sen espazos para a libre expresión e con expedientes sancionadores por colgar carteis reivindicativos, “ese é o Gondomar ‘caladiño’ que quere Paco Ferreira”, denuncia Rodríguez. E engade que, lonxe de calar, “o BNG seguirá a ser o altofalante da denuncia e a reivindicación, con ou sen paneis de libre expresión no concello”.
