O Bloque Nacionalista Galego chama a apostar polo comercio de proximidade e polo consumo de produtos do país coa campaña ‘Mellor Local, Mellor Galego’.
Ademais de concienciar sobre a importancia dun consumo responsábel, propón medidas para revitalizar o sector e evitar o peche de máis pequenos comercios ameazados polo modelo de grandes áreas comerciais que “só beneficia ás empresas multinacionais”.
O BNG defende un marco comercial que protexa as pequenas tendas,que garanta condicións xustas para as persoas autónomas, medidas que lles garantan estabilidade e condicións xustas, cotizacións adaptadas aos ingresos reais,menos burocracia, máis protección social, acceso a financiamento e apoio á dixitalización. Apoiar o traballo autónomo é fortalecer a economía local e o futuro da Galiza.
“O comercio está nunha situación crítica polo avance do comercio en liña, da liberalización dos horarios e dos períodos de rebaixas e pola expansión das grandes superficies comerciais”, alertou o portavoz do BNG, Anxo Baz.
O nacionalista reivindicou a importancia do comercio local como un dos motores de dinamización da economía guardesa. “O pequeno comercio xera esa vida fundamental nas nosas rúas e crea emprego na nosa vila”, destacou.
