Os bombeiros do «Consorcio Provincial de Pontevedra para la Prestación del Servicio contra Incendios y Salvamento», a través do seu delegado de seguridade e saúde, queren alertar publicamente da situación «de incumprimento continuado das medidas derivadas da avaliación de riscos psicosociais vixente no servizo».
A devandita avaliación foi aprobada o 25 de abril de 2024 e establecía como prioridade A (máxima), a adopción de medidas organizativas e de persoal, fixando un prazo máximo de seis meses para a súa implantación. «Ese prazo expirou o 25 de outubro de 2024. A día de hoxe, acumúlase máis dun ano de atraso sen que se producise ningunha aplicación efectiva das medidas recollidas no documento», di o delegado, Adrián Pena Rey.
A avaliación de riscos psicosociais establece de forma expresa que «o servizo mínimo por quenda e por parque debe estar composto por seis persoas, distribuídas do seguinte xeito: un xefe de quenda (cabo), dous binomios operativos (catro bombeiros/as) e un bombeiro/a–condutor». A esta dotación mínima operativa sumase a presenza permanente dun xefe de parque (sarxento) as 24 horas do día e un coordinador (suboficial). «Esta dotación mínima responde a criterios técnicos e preventivos, imprescindibles para garantir intervencións seguras e unha organización do traballo axeitada«, afirma Rey.
Malia o establecido no documento técnico de prevención, Rey asegura que o Consorcio continúa operando con dotacións mínimas de tres efectivos por quenda, «unha cifra que non cumpre cos criterios recollidos na avaliación de riscos e que responde a decisións alleas á prevención e á seguridade laboral, de carácter exclusivamente político».
«Dende a representación dos traballadores advertimos que non se está a traballar en condicións de seguridade, nin para o persoal nin para a cidadanía, nun servizo público esencial que afronta intervencións de alto risco e elevada complexidade», explica o delegado.
Indica tamén que esta situación xa deu lugar a dous requirimentos da Inspección de Traballo, relacionados coa falta de aplicación das medidas preventivas e coa dotación mínima do servizo. Porén, a día de hoxe «non se adoptaron solucións estruturais, nin se aprecia vontade real de facelo».
«Proba diso -insiste- é que as medidas necesarias non foron vinculadas nin aos orzamentos de 2025 nin aos de 2026, limitándose a previsión de contratación a catro bombeiros por parque, cando para cumprir coa dotación mínima establecida na avaliación de riscos psicosociais (seis efectivos por quenda e parque) sería necesario incrementar a plantilla en aproximadamente nove ou dez bombeiros (maiores dos xa 4 contratados en 2026) por parque, co fin de garantir a cobertura de quendas, descansos, formación e continxencias».
Adrián Pena quere deixar claro que as consecuencias finais da falta de persoal e do incumprimento das medidas preventivas «non recaen unicamente no persoal operativo, senón que afectan directamente á cidadanía, ao comprometer a seguridade das intervencións, os tempos de resposta e a capacidade real do servizo de emerxencias».
A representación legal dos traballadores seguirá trasladando esta situación polos canles institucionais correspondentes, reclamando que se adopten, sen máis dilacións, as medidas necesarias para garantir un servizo público seguro, eficaz e acorde á normativa vixente.
Fonte:
Adrián Pena Rey delegado de prevención e membro do comite de empresa Consorcio Provincial de Pontevedra para la Prestación del Servicio contra Incendios y Salvamento
