Lucenza – Ateneo de Nigrán organiza xunto co bar “Malabar Pénjamo” de Patos (Panxón) este sábado 21 de febreiro ás 12:00 horas, un acto de homenaxe a Rosalía de Castro nas vésperas do día no que se conmemora o seu nacemento en 1837.

No acto vaise realizar unha loanza de Rosalía e serán recitados polo público asistente poemas da escritora. Haberá intervencións musicais preparadas para a ocasión e degustarase de balde un “Caldo de Gloria”, ao que se refire a escritora no seu fermoso poema “Miña casiña, meu lar” que trata da épica da supervivencia diaria dos humildes.

Dáse así difusión con este acto ás iniciativas que promoven desde hai anos a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Fundación Rosalía de Castro, interesadas en que se estenda o costume de celebrar o Día de Rosalía por todos os concellos do país, como unha xornada de reafirmación da lingua galega e de recoñecemento da figura de Rosalía de Castro como un grande emblema que é da nosa terra.