O Bloque Nacionalista Galego (BNG) está a desenvolver unha ofensiva social e institucional contra os novos proxectos eólicos na Serra da Groba. A fronte nacionalista vén de presentar no Parlamento Galego, a través do deputado Brais Ruanova, unha iniciativa para que a Xunta de Galicia denegue a autorización para os catro parques previstos que afectan aos concellos de Oia, Baiona e Gondomar.

Así mesmo está a realizar nos tres municipios afectados unha campaña de actos informativos e de recollida de alegacións en rexeitamento destes proxectos.

Ruanova denunciou que os catro parques eólicos preténdense instalar nun dos espazos montañosos atlánticos “de maior valor ecolóxico, paisaxístico e cultural” do sur de Galicia. Advertiu de que a súa tramitación chega apenas dous anos despois de que a propia Consellería de Medio Ambiente emitise declaracións de impacto ambiental desfavorábeis para proxectos eólicos similares na Serra da Groba, diante dos impactos «críticos e irreversíbeis» sobre a paisaxe, a biodiversidade e o patrimonio cultural.

Para o deputado nacionalista a reiteración destes proxectos, nesta ocasión “fragmentada de forma artificial” en proxectos individuais, busca eludir controis ambientais máis esixentes. “Evidencia unha práctica administrativa cuestionábel que vulnera o principio de precaución e a normativa de avaliación ambiental galega, estatal e europea”, alertou.

Na mesma liña se manifestaron os portavoces municipais do BNG, Xosé Antonio Rodríguez (Oia), Iago Pereira (Baiona) e Manuela Rodríguez (Gondomar) subliñando o “clamor social nos concellos afectados en contra de todos os proxectos eólicos que, cada poucos anos, buscan implantar na serra da Groba». Como evidencia sinalaron as numerosas accións e mobilizacións, as recollidas de sinaturas, as miles de alegacións presentadas e o posicionamento unánime dos concellos ameazados diante dos intentos anteriores.

Criticaron que estes novos proxectos de “agresión ambiental” son tamén un claro exemplo do “modelo depredador que defende o PP na Xunta, malia ser incompatíbeis cun monte sustentábel e protexido” como defende a fronte nacionalista. Por este motivo, anunciaron que o Bloque vai continuar a plantarlle cara á ameaza eólica na Groba.

Son iniciativas exclusivamente especulativas, orientadas ao lucro das eléctricas, sen beneficio real para Galiza nin para as comunidades locais”, manifestar os representantes nacionalistas do Baixo Miño e do Val Miñor.

Entre as accións da ofensiva, o BNG vai rexistrar alegacións para que se “denegue calquera autorización administrativa e sexan informados negativamente” os proxectos destes catro parques eólicos, dentro do período de exposición pública na Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, que remata o vindeiro 18 de marzo.

Graves impactos

Os proxectos denominados Margarita 18, Cote 25, Nao 19 e Galera 25 suporían a instalación de catro aeroxeradores, de 105 metros de altura e de 149 metros de diámetro de rotor unha potencia de 4,99 MW. Unha afectación que se estende tamén a dous circuítos de 10 quilómetros de liña de evacuación que, partindo de Oia e pasando por Baiona, chegarían á subestación eléctrica situada na parroquia de Borreiros en Gondomar.

Dende o BNG consideran que os argumentos en contra que destes proxectos son “contundentes e están amplamente documentados”. Entre elas, destacan «o impacto ambiental crítico con afeccións a cursos fluviais, hábitats de interese comunitario e especies protexidas e vexetación; a ameaza ao patrimonio cultural e etnográfico; e un grave prexuízo, a actividades económicas sostíbeis nunha zona de aproveitamento multifuncional do monte con actividades forestais, gandeiras, apícolas e turísticas».

Advertiron ademais de que as empresas promotoras, Savanna Power e Arena Power, pretenden instalar tamén muíños na contorna das Sobreiras do Faro, zona declarada espazo privado de interese natural, incluída no catálogo de árbores senlleiras de Galicia.