Ana Durán

A federación sanitaria da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) denunciou este luns a contratación nas últimas semanas de persoal médico sen a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria en centros de saúde da área sanitaria de Vigo.

A central sindical xa trasladou a súa preocupación á Xerencia da área mediante un escrito no que solicita que as profesionais que desempeñen funcións asistenciais conten coa titulación correspondente.

Segundo explica o sindicato, tivo coñecemento de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) está a incorporar médicos e médicas sen a especialidade requirida para cubrir postos en Atención Primaria. Por este motivo, reclaman que se cumpra coa normativa vixente e que o persoal contratado para traballar nos centros de saúde dispoña da titulación de Especialista en Medicina de Familia e Comunitaria.

Desde CIG-Saúde lembran que desde o ano 1995 é obrigatorio completar a formación especializada para exercer nun centro de saúde. Neste sentido, subliñan que o persoal médico debe realizar catro anos de formación MIR, un período que cualifican de “fundamental para o desenvolvemento da profesión xa que capacita as profesionais que desenvolven traballos neste eido”.

A central sindical considera que a contratación de profesionais que non cumpren cos criterios formativos supón un “agravio” para o persoal que si conta coa formación MIR. Ademais, alertan de que esta práctica implica unha diferenza na preparación específica que “non asegura a asistencia coas competencias necesarias”. Ao mesmo tempo, advirten de que “esta situación supón ademais desvalorizar a Especialidade de Familiar e Comunitaria e precarizar as condicións de traballo”.

O sindicato tamén pon o foco nos problemas estruturais da Atención Primaria na área sanitaria viguesa. Así, sinala que nos últimos tempos se está a producir unha fuga de especialistas cara a outras áreas sanitarias debido ás malas condicións laborais existentes.

Segundo indican, a aplicación das taxas de reposición nun momento no que se agardaba un elevado número de xubilacións e un importante recambio xeracional contribuíu a agravar a situación. A isto engádese que, máis recentemente, a área sanitaria quedou con saldo negativo nos procesos de OPE, unha circunstancia que, segundo denuncian, provocou o éxodo obrigado de profesionais e “evidencia unha falta de previsión de recursos humanos”.

Diante desta situación, desde CIG-Saúde esixen ao Sergas que adopte medidas para corrixir o problema. En concreto, reclaman que se reverta esta dinámica e que non se contrate persoal sen especialidade para o ámbito asistencial, así como que se garanta que a atención nos centros de saúde sexa prestada por profesionais coa titulación esixida.