O BNG de Gondomar lembra á veciñanza que o prazo para solicitar o desconto na taxa do lixo por uso do punto limpo remata a fin de mes. A organización nacionalista quere informar de que a bonificación do 10% para domicilios particulares por realizar polo menos catro entregas no ano anterior, debe solicitarse no rexistro do Concello ou do ORAL (Deputación) e o prazo remata o 31 de marzo.
A voceira municipal do Bloque, Manuela Rodríguez, lamenta que o Concello non trasladara esta información directamente a cada domicilio particular ou empresarial unha vez aprobada a nova ordenanza. A nacionalista considera que deberían facelo de oficio, cada ano, pero especialmente neste en que muda a ordenanza e o importe a pagar ‘pega unha subida desorbitada’ froito do ‘afán recadador’ do goberno Ferreira.
Nese sentido, denuncian que, por riba de impoñer unha norma que deixou fóra a práctica totalidade das alegacións presentadas, que carece de elementos que incentiven a redución dos residuos e que aplica unhas taxas desproporcionadas, “nin sequera teñan a decencia de enviar unha circular informando do seu contido”. (Pódese consultar no BOP nº 247 de 29 de decembro de 2025 ou en Taxa lixo).
Desde o BNG lembran tamén que se poden solicitar descontos por baixos ingresos, por determinadas circunstancias familiares (familias numerosas ou monoparentais, desemprego) por cuestións de discapacidade ou dependencia, ou por ser maior de 65 anos. Nestes casos o prazo para solicitude vai do 1 de outubro ao 31 de decembro, ou até o 31 de xaneiro para as familias numerosas.
Así mesmo, as persoas titulares de locais industriais, talleres, naves de fabricación ou almacenamento ou de tendas de alimentación, que leven a cabo plans ou programas de redución de residuos contratados a través de xestores autorizados, poden tamén solicitar rebaixa sobre a tarifa que lles corresponda, sen que a ordenanza explicite un prazo determinado para facelo.
Rodríguez indica ademais que, aínda que o goberno rexeitou a proposta do BNG para que se puidera realizar o pago fraccionado “até en catro cobros sen ningún tipo de recargo”, é importante que as contribuíntes saiban que, tal como regulan as bases de execución do orzamento municipal, pódese solicitar o aprazamento ou fraccionamento do pago até en tres meses.
Por último, desde o Bloque recomendan á veciñanza que soliciten directamente no Concello toda a información que precisen, tanto a respecto das bonificacións e descontos ás que teñan dereito, como dos trámites a realizar e documentación a presentar para que estes sexan efectivos.
