María Hortensia Villamarín do Grupo Municipal Socialista de Oia

O Grupo Municipal Socialista de Oia votou en contra da proposta de instalación dun punto limpo nas instalacións deportivas de Mougás durante o último pleno municipal.

Desde o PSOE aclaran que non se opoñen á creación deste servizo no municipio, que consideran necesario, «senón á ubicación escollida polo goberno local«, que consideran inadecuada.

A concelleira socialista María Hortensia defendeu no pleno que «situar esta infraestrutura nun espazo destinado á práctica deportiva e ao uso social pode xerar molestias e incompatibilidades coas actividades que se desenvolven habitualmente na zona».

Por este motivo, solicitou á alcaldesa que se estude unha alternativa que permita implantar o punto limpo «nunha localización máis axeitada, garantindo tanto o correcto funcionamento do servizo como o respecto aos espazos públicos destinados ao deporte e á convivencia veciñal».

“O punto limpo é necesario para Oia, pero hai que facelo ben. Non todo vale nin calquera sitio é adecuado”, sinalan desde o grupo socialista.

Desde o PSOE de Oia insisten en que é posible compatibilizar a mellora dos servizos municipais cunha planificación responsable do territorio, tendo en conta as necesidades dos veciños e veciñas.