Segundo o BNG da Guarda, «a presión da veciñanza obriga a Carrero e o seu goberno a dar marcha atrás no seu  intento de emprazar o punto limpo na rúa Maceiras».

É a segunda vez que este goberno ten que suspender o cambio de ubicación do punto limpo. A primeira vez xa tiveran que paralizalo porque fixeron un proxecto para construílo en terreos que eran propiedade do Concello do Rosal.

O portavoz do BNG, Anxo Baz, manifestou “Carrero non ten  criterio e cada día que pasa dá unha mostra máis da súa incompetencia. A  primeira vez fixo un proxecto para colocar o punto limpo nuns terreos que non eran da Guarda e agora compra outros terreos que non son os  idóneos para unhas instalacións destas características que atoparon  unha forte oposición veciñal que os obrigou a paralizar novamente o traslado do punto limpo”.

O nacionalista tamén indicou “Carrero dilapida os cartos dos guardeses e guardesas sen criterio de ningún tipo. Nesta ocasión van malgastar cerca de 40.000€ nuns terreos que non teñen utilidade para o concello. Estamos diante dun goberno sen proxecto, sen dedicación  que anda dando tombos dun lado para outro e que reduce a súa acción de goberno a ocorrencias deste tipo  que tratan de disimular cunha campaña permanente de publicidade”.