Carlos Gómez Prado

O PSOE de Baiona recolle as primeiras reclamacións veciñais. Aseguran que as peticións recibidas «xa reflicten con claridade a preocupación da veciñanza pola falta de mantemento e o abandono que sofre a vila, con reclamacións centradas en parroquias sen limpar, fochancas nas estradas, parques en mal estado e problemas de tráfico en distintos puntos do municipio».

Din que entre as primeiras demandas destacan «a renovación do parque de Sabarís, a limpeza de cunetas e camiños, a reparación de fochancas, a mellora da seguridade viaria, o control da velocidade, a falta de mantemento en parques e zonas públicas e os problemas de mobilidade derivados das obras de Sabarís, así como incidencias trasladadas desde zonas como Baredo, Belesar, Baíña ou Cova Terreña».

O voceiro socialista, e exalcalde de Baiona, Carlos Gómez, sinala que “estas primeiras peticións evidencian o que a veciñanza leva tempo denunciando: Almuiña non sabe a que viu a Baiona. Non está onde ten que estar e as tarefas básicas de mantemento e xestión están sen facer”.

Gómez afirma que todas estas reclamacións serán trasladadas aos plenos municipais en forma de mocións, rogos e preguntas, acompañadas de fotografías e documentación da situación real do municipio.

Se o goberno de Almuiña non percorre Baiona nin atende á veciñanza, será a propia veciñanza quen leve a realidade ao pleno. O noso compromiso é dar voz aos problemas reais e esixir solucións”, conclúe Carlos Gómez.

Ligazón ao formulario.