A Plataforma ”PACs Contra o Decretazo” denunciou este luns o que considera un incumprimento por parte da Consellería de Sanidade e das xerencias das áreas sanitarias dos prazos anunciados para a aplicación do novo decreto que modifica a atención nos sábados pola mañá nos Puntos de Atención Continuada (PAC).
Segundo o colectivo, «a propia Administración fixara un período aproximado de dous meses para desenvolver esta medida tras o seu anuncio inicial», un prazo que, aseguran, «non se está a cumprir nin a concretar con claridade». Esta situación, sinalan, «xera incerteza tanto entre os profesionais como entre a cidadanía usuaria do sistema sanitario».
A reforma prevista implica cambios na organización da atención urxente extrahospitalaria, que poderían traducirse, segundo a plataforma, «nunha redución de persoal en determinados dispositivos e na reorganización da actividade en centros de saúde durante as mañás dos sábados». O colectivo advirte de que estas modificacións «poden afectar á accesibilidade e á calidade da atención, especialmente en áreas con maior dispersión xeográfica».
Desde ”PACs Contra o Decretazo” critican a “falta de credibilidade” da Administración sanitaria pola ausencia de información precisa sobre os prazos e as condicións de aplicación do decreto. Neste contexto, reiteran a súa preocupación polo impacto que estas decisións poden ter no funcionamento do sistema sanitario público, en particular na atención urxente fóra do ámbito hospitalario.
A plataforma está integrada por médicas, persoal de enfermaría, persoal de servizos xerais, celadoras, condutores e telefonistas de toda Galicia que participan de maneira unida nas mobilizacións impulsadas nas últimas semanas.
O colectivo lembra que este proceso «chega despois de varias protestas e accións reivindicativas do persoal dos PAC, e considera que a situación actual evidencia a necesidade de abrir un proceso de diálogo real antes de introducir cambios estruturais».
Como resposta, anuncian a continuidade dun calendario de mobilizacións nas vindeiras semanas co obxectivo de forzar unha solución que garanta condicións de traballo adecuadas para os profesionais e unha atención sanitaria accesible e de calidade para a poboación.
