O pleno municipal de Gondomar aprobou a moción do BNG contra a guerra, o incremento do gasto militar e a militarización da sociedade. Unha iniciativa que fai parte da campaña do Bloque “Na Galiza: paz, soberanía, dereitos”, de reafirmación do seu compromiso co pacifismo, o antiimperialismo e a defensa da soberanía dos pobos.

Diante da escalada militarista e belicista que se está a producir a nivel internacional, que sitúa o mundo nun escenario de crecente inestabilidade, con consecuencias imprevisíbeis para a paz, a seguridade global e as condicións de vida das maiorías sociais, o BNG propón neutralidade, saída da OTAN e redución do gasto militar para  destinar eses fondos a servizos públicos e sociais.

A moción nacionalista sinala que os conflitos armados en curso, provocados polos Estados Unidos e Israel, responden unicamente a intereses xeopolíticos e económicos, de control de recursos e de imposición da “lei do máis forte”, e supoñen unha grave ameaza para a soberanía dos pobos e para o respecto ao dereito internacional. Denuncia, así mesmo, que as guerras evidencian unha dinámica baseada na confrontación e no desprezo polos mecanismos de diálogo e negociación para a resolución pacífica, diplomática, política e non militar, das controversias nas relacións internacionais.

Salientan ademais que a escalada bélica ten tamén consecuencias directas sobre a economía e a vida cotiá das persoas. O incremento dos prezos da enerxía, dos alimentos e doutros bens básicos ten impacto de maneira especial nas clases populares e traballadoras, agravando as desigualdades sociais e xerando unha maior precariedade.  Nese sentido, a voceira nacionalista considera que “o noso concello non pode ser alleo e debe denunciar a utilización de recursos públicos para fins vinculados á promoción do militarismo, cando existen necesidades sociais urxentes que requiren investimento e atención prioritaria”.

Nesa liña, a moción insta a Xunta de Galiza, Goberno do Estado e Unión Europea a  adoptar medidas efectivas para mitigar as consecuencias económicas e sociais derivadas da guerra e da escalada de prezos. “Non é aceptábel que o impacto da crise recaia sobre a maioría social mentres se incrementa o gasto militar”, indica a voceira municipal do BNG Manuela Rodríguez. Por iso, a iniciativa do Bloque incide na necesidade de despregar políticas públicas que protexan ás familias, ás persoas traballadoras e ao tecido produtivo, garantindo o acceso a bens básicos, a contención dos prezos e o reforzo dos servizos públicos.

Defender a paz e o antimilitarismo

Neste contexto beliscista, para o BNG resulta especialmente preocupante a aposta crecente polo incremento do gasto militar, a intensificación da carreira armamentista e a normalización de discursos e prácticas que contribúen á militarización da sociedade.

Rodríguez indica que “non é compatíbel defender a paz e, ao mesmo tempo, participar ou colaborar en dinámicas que reforzan o militarismo”, xa sexa mediante o aumento do investimento en armamento, a cesión de infraestruturas para usos militares ou a promoción de actos de exaltación das forzas armadas.

Lembran desde o BNG a longa tradición da Galiza de compromiso coa paz, coa defensa do multilateralismo e coa resolución pacífica dos conflitos. E por iso que consideran que ese  compromiso debe traducirse nunha “posición clara fronte á actual deriva militarista e na defensa dun modelo de relacións internacionais baseado no diálogo e na negociación”. E nese marco,  cobra especial relevancia o apoio ás mobilizacións sociais como expresión do compromiso da cidadanía cun modelo alternativo baseado na convivencia, na xustiza e na solidariedade.

Nese sentido, a iniciativa do BNG inclúe que desde o Concello de Gondomar se apoie activamente a manifestación nacional convocada pola Plataforma Galiza pola Paz para o 30 de maio en Vigo, en resposta á operación de exaltación do militarismo e do españolismo que se pretende desenvolver ese día na cidade co gallo do desfile do Día das Forzas Armadas. Unha mobilización que constitúa a expresión firme e colectiva do rexeitamento do pobo galego á guerra, á militarización e á utilización da Galiza como escenario de propaganda militar.

O BNG chama á mobilización porque, lembra Rodríguez, “a paz non se constrúe a través da exhibición de forza nin da acumulación de armamento, senón mediante políticas activas de cooperación, solidariedade internacional, xustiza social e respecto aos dereitos humanos e á soberanía dos pobos”.