A primeira hora da tarde do pasado 14 de abril reuniuse o xurado dos Premios Mil Primaveras, que decidiu recoñecer na súa sétima edición os seguintes proxectos:

  • Comando Le. Grupo de activismo cultural de Espazo Lectura (unha iniciativa dirixida á adolescencia para crear un espazo de lecer en galego).
  • As chaves da lingua (un proxecto didáctico e divulgativo para mellorar a calidade lingüística),
  • O Dépor é da Coruña (unha campaña que parte da mocidade para acadar un cambio simbólico na cidade herculina).
  • Revolta Galega (un programa de dinamización lingüística integral para o CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños).

A edición de 2026 dos Premios Mil Primaveras recoñeceu catro programas que fan partícipe a mocidade, reforzan o orgullo pola lingua e buscan mellorar a aprendizaxe e a calidade lingüística. Procuran ademais fornecer de recursos útiles e accesibles, asociar o idioma con valores positivos e crear espazos de lecer en galego.

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca estes premios desde 2019 para valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a promoción da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Así, procúrase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos. 

Logo de avaliar os 24 proxectos presentados nesta edición, o xurado seleccionou os catro seguintes:

Comando Le: grupo de activismo cultural de Espazo Lectura (Asociación Espazo Lectura de Gondomar)

  • Este programa está dirixido a adolescentes de máis de 12 anos e foi concibido como un espazo de lecer, encontro e creación en lingua galega. O xurado salientou que se trata dun proxecto que consegue involucrar os adolescentes, público moi necesitado de ámbitos de uso da lingua, e faino nun contexto de lecer, creando comunidade e compartindo orgullo cos iguais. É ademais un programa replicable e adaptable a outros contextos.

As chaves da lingua (As chaves da lingua)

  • Este proxecto didáctico e divulgativo de Noemí García Rodríguez busca mellorar as competencias lingüísticas e dar a coñecer a riqueza e utilidade do galego. O xurado valorou a súa orixinalidade, imaxe, calidade comunicativa e bo uso das redes sociais, alén da variedade de persoas destinatarias e o seu enfoque práctico.

O Dépor é da Coruña (IES Rafael Dieste) 

  • Programa derivado da campaña Aquí tamén se fala, busca un cambio no imaxinario colectivo da cidade herculina: a restauración do nome oficial ao Deportivo da Coruña. O xurado destacou a forza simbólica e a repercusión fóra do centro educativo, levando a reflexión sociolingüística á sociedade coruñesa no seu conxunto. Así mesmo, é unha iniciativa que chama á acción e que se amplifica noutros centros educativos, en persoas referentes e na cidadanía.

Revolta Galega (CPI As Revoltas, Cabana de Bergantiños)

  • Este programa traballa a dinamización lingüística no centro educativo de forma planificada e sostida no tempo, buscando o mantemento e o reforzo da lingua e a mellora do seu prestixio. O xurado valorou que é un modelo integral de dinamización para todo centro e en diferentes ámbitos (expresión oral e escrita, creación de contidos, relación coas familias ou tradicións), que axuda a afianzar a lingua e a reflexionar sobre a súa importancia social, patrimonial e cultural. É tamén un modelo de traballo replicable e adaptable a outros centros educativos.

O xurado dos Premios Mil Primaveras de 2025 estivo formado por Beatriz Vilaverde Santamariña, técnica de normalización lingüística da Deputación Provincial da Coruña, Irimia Fernandez Álvarez, creadora de Brazolinda (premiado na anterior edición), Álvaro López García, responsable de Galego para Peques (premiado na anterior edición), Ana González Lista, xornalista, e Marta Besada Otero, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago de Compostela.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na difusión dos proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a divulgalos, os proxectos premiados están xa dispoñibles para a súa consulta detallada en Mil primaveras

A CTNL organizará ademais un acto público de entrega de premios, que terá lugar en Pontevedra no mes de xuño.

Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.