O Grupo Socialista anunciou que rexistrará unha iniciativa no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a actuar dunha vez por todas ante o «problema histórico do saneamento e da depuración de augas residuais en Oia».
Nunha reunión celebrada no Centro Cultural de Oia, con representantes socialistas a nivel autonómico, provincial e local, abordouse unha situación que, segundo denuncian, «leva máis de dúas décadas sen resposta efectiva por parte do Goberno galego».
«Oia non pode seguir sendo invisible para a Xunta», sinalan desde o PSdeG, advertindo de que «os actuais sistemas de decantación, baseados unicamente en tratamentos primarios, resultan claramente insuficientes e incumpren as esixencias da normativa europea».
Os socialistas subliñan que esta situación «está a provocar vertidos contaminantes que afectan tanto á zona portuaria como a núcleos como Mougás, Viladesuso ou Pedornes, con consecuencias directas no medio ambiente e na actividade económica local».
Ante este escenario, esixen á Consellería de Medio Ambiente unha planificación seria e un investimento «con prazos e partidas claras» que permita dotar a Oia dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) moderna e eficaz.
«Non estamos ante un problema novo nin imprevisto, senón ante décadas de inacción«, denuncian, advertindo de que «a Xunta xa non ten escusas para seguir mirando cara outro lado».
Así mesmo, defenden que garantir un sistema de depuración axeitado é unha cuestión de saúde pública, de protección ambiental e de futuro para Oia, e advirten que manterán a presión institucional ata que os investimentos se fagan realidade.
