A reclamación dun mellor servizo de transporte público para o que é o segundo núcleo poboacional do concello do Porriño é unha esixencia xa de vello. O BNG do Porriño ten insistido que, alén da propia cidadanía desta parroquia, este servizo é fundamental para a comunidade educativa do instituto e para os diferentes centros de traballo que hai nas súas mediacións.
«O estudantado de ensino non obrigatorio non ten dereito ó transporte escolar. Atendendo a natureza do noso concello, coa poboación dispersa por parroquias, este aspecto ten sido unha fonte de conflito constante e denunciada con reiteración pola forza nacionalista», sinalan dende o BNG.
A isto débeselle sumar que «os estudos de Formación Profesional Básica, incluídos na formación obrigatoria, non conta, de facto, de servizo de transporte cando o estudantado decide cursar unha modalidade que non está incluída no seu centro de referencia«. Din que deste modo, na actualidade, «menores de idade están a usar a liña de transporte A Guarda-Vigo con parada no noso concello, pero afastada do centro educativo de Torneiros«. O BNG solicita que dos diversos servizos desta liña, varios deles moi próximos no horario, se desvíe algún para facer parada en Torneiros.
Durante o pasado mes de outubro de 2025 a Xunta fixo pública a súa decisión de non renovar o contrato vixente coa empresa LUGOVE para prestar o servizo de transporte público de persoas por estrada entre Vigo e A Guarda, que comprende tamén a conexión entre eses concellos e os de O Porriño, Tui, Tomiño e O Rosal.
Para mellorar este servizo, a Xunta de Galicia solicitoulles aos concellos afectados que presentasen alegacións para que poidan ser tidas en conta. “Este é o momento preciso para esixir as melloras necesarias no transporte público no noso concello, especialmente no referido a Torneiros”, indica Pedro Pereira, portavoz do BNG do Porriño.
Afirman que hai que ter en conta que os únicos servizos de transporte público que existen na parroquia de Torneiros son os de transporte escolar, «pero o seu horario e o número de prazas reservadas fan que sexan practicamente inservibles para o resto da cidadanía». Tamén hai unha ruta que conecta Torneiros con Vigo a través de Mos, pero as paradas desa ruta na parroquia son “baixo demanda”, o que fai que a utilización da liña sexa moi residual. Ademais, o seu traxecto non pasa polo núcleo urbano do Porriño, impedindo o enlace coas restantes rutas de autobús que pasan polo centro da cidade.
