A Asociación dos bombeiros dos GES de Galicia (AGESGA) mantivo na xornada deste martes unha reunión co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, na que se trasladaron as reivindicacións do colectivo e a proposta de reestruturación integral do servizo GES na provincia.

Durante o encontro, os representantes dos GES expuxeron un modelo que suporía un cambio estrutural profundo no sistema actual: a integración do servizo baixo xestión directa da Deputación, mediante unha rede de subparques coordinados cos parques do Consorcio Provincial.

Esta proposta —xa formalizada— pretende superar o actual modelo fragmentado de xestión municipal, avanzar cara un sistema profesionalizado e garantir unha resposta homoxénea en todo o territorio.

Tal e como recolle o documento presentado, o sistema actual presenta importantes deficiencias:

  • Fragmentación organizativa
  • Dependencia dos concellos sede que non teñen capacidade de xestión de emerxencias e do persoal.
  • Falta de integración real co sistema de emerxencias
  • Desigualdade territorial na prestación do servizo

Fronte a isto, o modelo proposto aposta por:

  • Un servizo único provincial
  • Coordinación efectiva co 112 e co PLADIGA
  • Eliminación de duplicidades
  • Mellora dos tempos de resposta e da cobertura rural

A Deputación pide máis estudo… e consenso coa Xunta.

Segundo AGESGA, o presidente da Deputación manifestou que a proposta require un estudo máis profundo e, sobre todo, o visto bo da Xunta de Galicia no seu conxunto, sinalando que calquera avance deberá producirse no seo da comisión de seguimento.

Non obstante, recoñeceu a “bondade” do modelo.

Comprometeuse neste senso coa AGESGA a velar polos incumprimentos detectados, e tamén a valorar a posibilidade de creación de unha bolsa de traballo a nivel provincial, á que poidan acollerse os concellos sede do GES para garantir a cobertura efectiva das baixas de larga duración ou vacantes; que nos últimos meses acarrean peches constantes en diversos GES.

Incremento económico sen cambio estrutural

Luis Menor salientou tamén a «aposta» da Deputación polos 12 GES existentes en Ourense, materializada nun incremento unilateral do financiamento no ano 2025,  e que elevou a achega provincial nuns 480.000 euros.

Comprometeuse a manter a mesma esta anualidade (2026).

Dende AGESGA valorouse este esforzo económico, pero advertiuse con claridade: sen control e fiscalización destes fondos, o incremento económico non garante unha mellora real do servizo; por iso, solicitouse expresamente á Deputación que supervise o destino dos recursos transferidos aos concellos sede, co obxectivo de asegurar que redunden efectivamente na mellora da operatividade e da calidade do servizo.

Sen coordinación real: outro ano perdido.

No ámbito das melloras operativas, volveuse incidir nas propostas formuladas na mesa de traballo dos incendios forestais.

Entre elas, destacaba a implantación dunha aplicación informática que permitise integrar os parques GES cos parques do Consorcio Provincial, facilitando a coordinación en tempo real.

Esta proposta foi rexeitada:

  • O aplicativo en desenvolvemento será exclusivamente para o Consorcio Provincial.
  • Os GES seguirán sen ferramentas de coordinación nin comunicación co Consorcio.

Un conflito que entra na súa fase decisiva en toda Galicia.

Dende AGESGA a valoración é clara:

  • Non existen avances estruturais reais

O conflito está ás portas dunha folga indefinida en cuestión de semanas.

Lugo marca o camiño

Mentres tanto, noutras provincias si se están dando pasos decididos. Destaca especialmente o caso da Deputación de Lugo, que levará ao vindeiro pleno unha moción para integrar os 5 GES actuais dentro do Consorcio Provincial de Bombeiros.

A presidenta da Deputación de Lugo mostrou confianza en contar co apoio da Xunta para desenvolver un modelo de emerxencias:

  • Integrado
  • Adaptado á orografía e dispersión territorial
  • Eficaz e profesional

Este modelo inclúe ademais a previsión dun novo parque de bombeiros na montaña lucense, unha zona especialmente afectada —xunto coa Mariña— polos peches progresivos de GES nos últimos anos.

Para AGESGA, este é o único camiño viable para garantir un servizo acorde ás necesidades reais do territorio.

Mobilizacións

Dende AGESGA agradecen o diálogo mantido coas Deputacións de Lugo, Coruña e Ourense, pero advirten con firmeza que:

  • A ausencia de avances obrigará a unha escalada do conflito a nivel autonómico nas vindeiras semanas.
  • Anuncian a adopción de medidas moito máis contundentes que as realizadas ata o momento.

A próxima mobilización terá lugar na Deputación de Ourense o Xoves, 30 de abril

Unha convocatoria na que xa se prevé a participación de efectivos do Consorcio Provincial en sinal de apoio. En definitiva, os GES  teñen enriba da mesa unha proposta viable, estruturada e economicamente asumible que permitiría transformar o sistema de emerxencias de Galicia.

Porén, «a falta de decisión política e de avances reais mantén o servizo nunha situación de bloqueo que ameaza con derivar nun conflito de gran intensidade a nivel galego».

Fonte: AGESGA