O PSOE de Baiona considera que os cambios no goberno municipal anunciados hoxe polo alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, non responden a unha reorganización, senón «a unha crise interna provocada pola súa falta de control, dirección e credibilidade».
Afirman que as declaracións do alcalde «deixan en evidencia unha cadea de incoherencias e contradicións públicas«. Por unha banda, «asegura agora que non tivo coñecemento da actividade privada do seu concelleiro ata o 20 de marzo». Por outra, «ese mesmo día, en declaracións recollidas en prensa, recoñecía que si sabía da actividade e os proxectos nos que traballaba o señor Bahamonde, asegurando que “sabía separar o ámbito persoal do institucional”.
Para o PSOE de Baiona, esta contradición «é gravísima e demostra que o alcalde está a faltar á verdade ou intentando agochar a súa responsabilidade política«, critican. Ademais, «mentres apela á presunción de inocencia, retira competencias e asume directamente áreas clave, recoñecendo na práctica que existe un problema que xa non pode ocultar».
Aseguran os socialistas que os cambios afectan as áreas clave:
Urbanismo.
- Marcado pola presunta incompatibilidade do actual concelleiro, unha situación que o alcalde segue sen querer recoñecer.
Medio Ambiente.
- Baiona está máis sucia que nunca, con parroquias abandonadas e unha perda evidente de oportunidades
Cultura.
Onde se reflicte un conflito constante coa área de Festexos, con enfrontamentos internos, loitas polo protagonismo e unha xestión que levou a que Baiona, por primeira vez, quedase sen festas patronais e cunha relación deteriorada coas comisións de festas-
Indican dende o PSOE que estes movementos «chegan tres anos despois dunha maioría absoluta, o que evidencia un goberno bloqueado e sen rumbo». «Non son capaces nin de aprobar os orzamentos en prazo, e iso que non teñen que negociar con ningunha outra forza política. Non se poñen de acordo nin entre eles mesmos».
“Había máis estabilidade cun goberno de tres partidos liderado por Carlos Gómez que coa maioría absoluta actual. Iso xa o di todo”, sinalan dende o PSOE. A isto -din- «súmase o absentismo do propio alcalde, máis pendente da Deputación que de Baiona».
“Primeiro di que sabía, despois que non sabía. Primeiro que non pasa nada, despois cambia todo. O problema non é puntual: o problema é un alcalde sen control, sen rumbo e sen credibilidade”, aseguran os socialistas, e rematan dicindo que «Baiona non pode permitirse un goberno que nin di a verdade nin sabe o que pasa dentro do seu propio equipo».
Fonte: PSOE de Baiona
