UGT-Galicia e o S.N. de CCOO de Galicia chaman á cidadanía a participar nos actos e mobilizacións convocados para este Primeiro de Maio en Galicia que nesta edición vanse desenvolver baixo o lema “Dereitos, non trincheiras. Salarios, vivenda e democracia”. O acto central, no que participarán a secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, e o secretario xeral de UGT- Galicia, Cristóbal Medeiros, será este ano na Coruña, a manifestación sairá da Praza da Palloza ás 12.00 horas.
Ambos sindicatos chaman á participación nun momento decisivo no que están en xogo, non só as condicións de vida da clase traballadora, senón a propia calidade das democracias. Fronte a quen buscan o enfrontamento e levantar trincheiras, o movemento sindical responde con máis dereitos, máis cohesión social e máis democracia.
Este Primeiro de Maio enmárcase nun contexto internacional marcado pola inestabilidade, a guerra e o cuestionamento do dereito internacional. Por iso, este Primeiro de Maio debe converterse nun berro polo fin das guerras e a protección da poboación civil. Nas rúas UGT e CCOO tamén van esixir unha Unión Europea valente e propositiva que se comprometa na defensa dos dereitos humanos.
CCOO e UGT consideran que este tamén é un momento no que están en xogo as nosas sociedades tal e como as entendemos, as nosas propias democracias. Polo que é o momento de saír ás rúas para intentar frear o avance da ultradereita que non é unha opción política máis, trátase dun proxecto que cuestiona dereitos fundamentais, alimenta o odio e debilita a democracia. Fronte a quen promove o odio, o sindicalismo defende a igualdade, a convivencia e os dereitos humanos.
Este Primeiro de Maio hai que saír ás rúas, por todo isto e por un pacto político e social e unha intervención pública decidida que garanta unha vivenda digna, porque sen vivenda non hai proxecto de vida; pola mellora da seguridade e saúde no traballo; pola reforma do despedimento, para gañar en seguridade; pola regulación do tempo parcial, para acabar coa precariedade; por salarios dignos, para vivir mellor; pola redución da xornada laboral, para gañar tempo de vida; pola negociación colectiva, para gañar dereitos; polos servizos públicos, para asegurar a igualdade; pola transición ecolóxica xusta, para construír futuro; pola igualdade e a diversidade, para defender a democracia; e polo sindicalismo, para fortalecer a democracia. UGT e CCOO lembran que os dereitos non se regalan, conquístanse.
|
VIGO |
Ás 12:00 h Rotonda do Barco en Coia ata parque de Castrelos
Festa popular parque de Castrelos |
CCOO-UGT |
