A plataforma cidadá Queremos Galego porá a disposición da veciñanza do Baixo Miño autobuses para facilitar a asistencia á gran manifestación que terá lugar o vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela. A marcha partirá ás 12:00h da Alameda compostelá percorrendo as rúas da capital galega baixo o lema “O galego, lingua vital”.

Todas as persoas interesadas en reservar a súa praza nos autobuses poden facelo chamando ao teléfono 986 610 465.

Unha resposta social ao «desprezo» pola lingua

Dende a plataforma fan un chamamento á unidade social para facer fronte á política lingüística da Xunta de Galicia. Queremos Galego denuncia a «incapacidade» do Goberno galego para cumprir os prazos de renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, o que cualifican como «unha mostra do profundo desprezo que teñen por Galiza e o seu idioma».

A mobilización busca demostrar a forza dunha sociedade que defende o seu idioma como un elemento esencial para a súa propia existencia.

Na memoria de Begoña Caamaño

A convocatoria deste ano faise eco das verbas da homenaxeada no Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño. A plataforma lembra a denuncia que a escritora fixo xa no ano 2010 contra o concepto de «bilingüismo harmónico», cualificándoo de «falacia e mentira».

«Non podemos falar en termos de harmonía cando hai unha situación tan disimétrica entre o castelán e o galego», afirmaba Caamaño, unha reivindicación que Queremos Galego recupera para subliñar a urxencia de protexer os dereitos lingüísticos da sociedade galega.