O Concello da Guarda propón nestas Letras Galegas 2026 un festival tradicional folclórico coa participación dos grupos da vila.

O propio domingo 17 de maio, ás 19:30h dará comezo no Auditorio de San Benito este festival folclórico coas actuacións de Vento Mareiro, con baile, pandeiretas e canto; do Grupo de Gaitas da 3ª Idade e co grupo de música tradicional Xente Xida.

Ademais, para lembrar e honrar a figura da escritora e xornalista Begoña Caamaño, homenaxeada nas Letras Galegas 2026, cada grupo lerá un fragmento das novelas da escritora.

Begoña Caamaño naceu en Vigo en 1964 e sempre estivo moi implicada nas reivindicacións e protestas, así como no asociacionismo. Aínda que remata Maxisterio, dedícase ao xornalismo. En 2009, publica a súa primeira novela “Circe ou o pracer do azul”, onde emerxe o relato da sororidade na revisión dos mitos, que é a do canon subvertido á luz dunhas figuras femininas con voz que se subtraen á historia.

Tres anos despois, publica “Morgana en Esmelle” onde propón unha reflexión contemporánea sobre o poder e a ética. A revisión da Materia de Bretaña propicia unha lectura sobre os procesos de transformación social e as tensións e estratexias da acción política e o goberno. Finalmente, morre en 2014 aos 50 anos por un cancro de páncreas deixando obras inacabadas.