O Concello de Tomiño xa escolleu a imaxe que protagonizará a camiseta conmemorativa do Día das Letras Galegas 2026, unha proposta que combina memoria, identidade e referencias á cultura popular contemporánea para conectar distintas xeracións arredor da lingua e da cultura galega.
A autora do deseño gañador é Iria Muñoz de Santiago, natural de Figueiró e vinculada á parroquia de Goián, quen se impuxo no concurso convocado polo Concello co obxectivo de fomentar a creatividade e promover o uso do galego en todos os ámbitos sociais.
A proposta vencedora foi seleccionada por un xurado integrado por mocidade voluntaria de Tomiño, que destacou a capacidade da obra para unir elementos da tradición cultural galega cunha lectura moderna e próxima ás novas xeracións.
O deseño incorpora referencias ao panorama musical galego actual, tomando inspiración nunha canción de Ortiga para o texto principal, ao tempo que introduce símbolos da cultura pop como as Bratz, convertidas nesta ocasión nunha ponte simbólica entre distintas xeracións.
Actualmente residente en Euskal Herria, onde cursa estudos de pedagoxía en Musikene e dirixe dous coros integrados por persoas maiores de 65 anos, Iria Muñoz explicou que participar neste certame supón unha maneira de manter o vínculo coa súa terra. “Permitiume seguir conectada con Galicia, por iso participo cada ano”, sinalou a autora.
Muñoz destacou tamén que o seu deseño nace da intención de ampliar a mirada sobre a identidade cultural galega, incorporando elementos menos habituais no contexto rural pero profundamente ligados á memoria colectiva de moitas persoas.
“Aínda sendo do rural e valorándoo profundamente, quixen introducir elementos non tan habituais neste contexto pero que forman parte tamén da nosa infancia e da nosa identidade cultural”, explicou.
A creación incorpora ademais referencias locais moi recoñecibles para Goián, como os históricos letreiros de Ceibe e Chamán, antigos espazos de encontro e baile da parroquia.
Segundo lembrou a autora, eran lugares onde “as mociñas ían ao baile”, evocando unha etapa de grande actividade cultural e social nunha parroquia que, con apenas 2.000 habitantes, chegou a contar con cine, discoteca e unha intensa vida comunitaria.
Outro dos elementos destacados polo xurado foi a presenza da Serea de Castelao, símbolo da defensa da lingua e da identidade galega, integrada nunha composición que, segundo valoraron, “combina creatividade, identidade e lectura contemporánea do legado cultural”.
Nesta edición do certame, o segundo premio recaeu no deseño “Falamos para non ser invisibles”, de Cruz Domínguez Claro, mentres que o terceiro posto foi para “Vou nun rato”, de Sara González.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, puxo en valor o papel da mocidade neste proceso creativo e destacou a importancia de ofrecer espazos nos que as novas xeracións poidan reinterpretar a cultura galega desde a súa propia perspectiva.
“Este tipo de iniciativas demostran que a nosa rapazada non só ten talento, senón tamén unha ollada moi consciente sobre quen somos e cara a onde queremos ir como pobo”, afirmou.
A rexedora engadiu ademais que “é moi importante que sexan eles e elas quen interpreten e expresen as Letras Galegas desde a súa propia realidade, porque iso garante que a nosa cultura siga viva e en evolución”.
O Concello subliña que este concurso se consolida como unha das actividades destacadas da programación das Letras Galegas, promovendo tanto a participación xuvenil como a creación artística local.
A camiseta deseñada por Iria Muñoz repartirase, ata esgotar existencias, entre as persoas participantes na Feira do Libro en Galego que se celebrará o vindeiro 17 de maio na Praza do Seixo.


