O Grupo Municipal Socialista da Guarda presentará no próximo pleno unha moción para mellorar os servizos públicos de aseos nas praias e no porto.

A iniciativa inclúe dúas propostas principais, a instalación dun baño público autolimpable na zona do porto e a ampliación do período de apertura dos baños públicos situados na praia do Muíño e da Area Grande.

Desde o PSOE lembran que A Guarda vive desde hai anos unha notable desestacionalización do turismo vinculada ao incremento de peregrinos do Camiño Portugués da Costa, facendo que exista movemento de visitantes durante boa parte do ano e non unicamente nos meses de verán.

Os/as socialistas sinalan que os baños públicos do Muíño e Area Grande permanecen pechados gran parte do ano pese a atoparse en zonas de paso habitual de persoas que pasean, practican deporte ou realizan o Camiño de Santiago.

Por outra banda, o Grupo Municipal Socialista considera necesaria a instalación dun aseo autolimpable na zona do porto, un espazo cun importante movemento social, turístico e hostaleiro, especialmente durante fins de semana e períodos de maior afluencia.

A proposta inclúe tamén unha petición relativa á apertura dos baños públicos do Muíño e Area Grande entre os meses de marzo a outubro, ademais de estudar fórmulas de mantemento e limpeza que garantan o correcto funcionamento destes servizos.

Falamos de limpeza e atención á veciñanza, pero tamén de ofrecer unha mellor atención ás persoas que visitan A Guarda ao longo do ano”, sinalan desde o PSOE da Guarda