O BNG fai un chamamento á sociedade guardesa a participar de xeito masivo no pleno extraordinario que se celebrará o próximo mércores, día 20, ás 10:00 horas na Casa do Concello. A sesión contará cun único punto na orde do día, «no que o alcalde terá que dar conta do polémico intento de compra da casa de D. Eloi».
Os nacionalistas aclaran que se viron obrigados a solicitar esta sesión extraordinaria «ante a sistemática negativa do alcalde a ofrecer explicacións, tanto á veciñanza como ao resto da corporación municipal».
O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, denunciou o «escurantismo que rodea esta operación» e preguntouse, “que esconde Carrero para tratar de levar adiante a maior inversión deste mandato sen informar á corporación nin aos veciños da Guarda?. A ninguén se lle escapa que esta compra, de prosperar, comprometería o futuro das arcas municipais, xa que a súa rehabilitación e mantemento esixirían un custo millonario”.
Baz criticou tamén «a incoherencia do Executivo local. Un goberno que ten abandonado o seu patrimonio, como o do monte Trega, a Fortaleza de Santa Cruz ou o Centro Cultural, non pode pretender facerse con máis inmóbeis a cambio de hipotecar o día a día do concello”.
Finalmente, o portavoz do BNG aclarou que os fondos cos que se pretende executar a compra “non son un agasallo da Deputación, senón cartos que lle corresponden a A Guarda para investimentos destinados a mellorar os servizos básicos e os espazos públicos. Se se gastan nesta casa, perderanse para actuacións que son fundamentais e urxentes para o municipio”.
