Uxía Senlle

O Espazo Sociocultural de Tui acollerá mañá xoves, 21 de maio, ás 20:00 horas, o concerto “A tecedeira de soños”, unha proposta musical da cantante galega Uxía Senlle dedicada á escritora e xornalista Begoña Caamaño, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

O espectáculo, que terá lugar no recinto situado na rúa Camilo José Cela, presenta un formato íntimo no que Uxía Senlle estará acompañada por Sabela da Cal ao acordeón e Rafa Otero ás guitarras. Xuntos interpretarán cancións creadas a partir dos textos de Begoña Caamaño, unha das figuras destacadas da literatura e do xornalismo galego contemporáneo. A entrada será libre ata completar aforo.

A artista explicou que este Día das Letras Galegas ten para ela un significado especialmente emotivo, xa que mantivo unha estreita amizade persoal con Begoña Caamaño. Desa relación naceu a vontade de renderlle homenaxe a través da música. Para iso, Uxía mergullouse na obra da autora viguesa, revisando os seus dous libros e compondo os temas que forman parte deste concerto.

Uxía Senlle (Sanguiñeda-Mos, 1962) é unha das voces máis recoñecidas da música galega tanto a nivel nacional como internacional. Ao longo da súa carreira destacou polo labor de divulgación da poesía galega, pola renovación da música tradicional e pola fusión con culturas lusófonas.

O seu repertorio nutriuse de viaxes e colaboracións con artistas de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu, compartindo proxectos con nomes como João Afonso, Dulce Pontes, Rui Veloso ou Tito Paris.

Nos seus máis de corenta anos de traxectoria publicou doce discos e recibiu numerosos recoñecementos, entre eles o Premio da Crítica Galicia 2016 e o Premio ao Mellor Álbum de Música de Raíz nos Premios da Música Independente de España 2012 polo traballo Meu Canto, que tamén foi distinguido pola revista británica Songlines como Top of the World. Ademais, impulsou e dirixiu proxectos colaborativos como Cantos na Maré, Enredadas e De tu casa a la mía.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, destacou que esta actuación supón “unha ocasión excepcional para achegarnos á voz fermosa e serena de Uxía”, subliñando ademais a capacidade da artista para lograr “unha fusión de música e literatura de grande calidade e atractivo” a partir dos poemas de Begoña Caamaño.

O concerto forma parte da programación cultural “Tui en letras”, promovida pola Concellería de Cultura tudense, e chega á cidade dentro do programa “Falaredes”, unha iniciativa da Secretaría Xeral da Lingua destinada ás entidades integradas na Rede de Dinamización Lingüística.

Este programa ten como obxectivos ampliar a oferta de ocio en galego en toda Galicia, fomentar o uso e a valoración positiva da lingua galega e apoiar aos artistas que desenvolven a súa actividade cultural no noso idioma.