O BNG desvelou no último pleno municipal un informe técnico «que o Concello da Guarda mantiña oculto desde o pasado mes de marzo». O documento revela que os traballos de rehabilitación do xardín da Casa de Don Eloi «ascenderían a 1.558.000 euros (sen IVE)».
Segundo sinalan os nacionalistas, «esta cifra non inclúe varias zonas da finca que non se puideron calcular debido ao estado da vexetación, nin as infraestruturas danadas do xardín, nin o custo de rehabilitación e mantemento futuro do inmoble».
O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, cualificou de «escándalo» que o goberno local ocultase estes datos. Baz criticou que o alcalde, Roberto José Carrero, continúe adiante «cunha compra millonaria sen dispor de ningún informe económico-financeiro nin dun plan de usos para o espazo. Vostede é o alcalde da Guarda para defender os intereses da maioría e solucionar os problemas urxentes, non para gobernar a golpe de ocorrencias co diñeiro de todos os veciños e favorecer non se sabe moi ben a quen«, afeou o portavoz nacionalista durante a súa intervención no pleno.
Baz concluíu a súa intervención dicindo, “dea algún paso firme para dotar A Guarda dun auditorio, ofrézalle a Xunta de Galiza terreos para a construción de vivenda pública ou para un centro de día público para maiores, faga un plan de usos para a Fortaleza ou poña en marcha un proxecto de mantemento eficaz para o rueiro da Guarda. Abandone as ocorrencias e voten a favor da proposta do BNG para dedicar os fondos que pretende malgastar na casa en investimentos necesarios e urxentes para a sociedade guardesa”.
O voto en contra do PP e Fariñas impediu que a proposta nacionalista fora aprobada.
