O BNG de Gondomar anuncia o inicio dunha nova rolda de encontros parroquiais co obxectivo de reforzar o contacto directo coa veciñanza e coñecer de primeira man as principais demandas e necesidades das distintas parroquias do concello.
A primeira destas xuntanzas terá lugar en Donas, no Centro Cultural e Veciñal, este domingo 31 ás 12:00 horas. A formación nacionalista anima á veciñanza a participar neste encontro aberto, pensado como un espazo de diálogo e intercambio de ideas
arredor dos problemas da parroquia e do conxunto do concello.
Durante a reunión abordaranse cuestións como o saneamento e a seguridade viaria, dúas das preocupacións que máis se repiten en diferentes zonas do concello. Ademais, a voceira nacionalista, Manuela Rodríguez, indica que “o encontro está
aberto a todos aqueles temas que a propia veciñanza queira trasladar ou poñer enriba da mesa, co propósito de recoller propostas, inquedanzas e necesidades concretas”.
Desde o BNG destacan a importancia deste tipo de encontros para manter unha relación directa e continua coa cidadanía, escoitando as súas achegas e dando conta do traballo feito pola organización nacionalista.
Desde o BNG animan á veciñanza a participar activamente nestas xuntanzas e a trasladar as súas preocupacións, necesidades, críticas ou preguntas. As propostas e conclusións recollidas servirán de base para a elaboración de iniciativas para presentar no Concello, na Deputación ou no Parlamento Galego.
