O último informe do Observatorio de Vivenda de Galicia, da propia Consellería de Vivenda, sitúa o alugueiro medio en Nigrán en 719 euros, o terceiro máis alto do país tras Oleiros e Vigo. Aínda así hai que sinalar que esta cifra non é real, pois a maior parte da oferta no noso concello é de tempada, sendo case inexistentes os alugueiros para todo o ano. Isto fai que o prezo medio real anual sexa bastante maior.

Esta situación de emerxencia inmobiliaria motivou que o BNG presentase unha moción para reiterar a iniciativa que xa se aprobara no ano 2024, na que se solicitaba que a Xunta incluíra a Nigrán na súas Estratexia para a promoción de vivenda pública e o impulso da vivenda protexida en Galicia.

Transcorridos case dous anos non houbo ningunha actuación concreta. Pola contra si se desenvolveron e anunciaron proxectos noutros concellos da área metropolitana de Vigo, á parte da cidade, como son Mos, Porriño ou Baiona, todos eles con menor presión sobre os prezos que Nigrán. Tan só consta un ofrecemento de solo por parte do Concello rexeitado pola Consellería.

A evolución dramática do mercado inmobiliario en Nigrán esixe actuacións decididas dende todas as administracións, polo que ademais de esixir á Xunta que exerza as súas competencias en materia de vivenda, a nova iniciativa do BNG incorpora o acordo para que o goberno municipal inicie a creación dun parque municipal de vivenda pública xa sexa mediante a promoción ou a adquisición.

A estas actuacións deberán destinarse, de xeito prioritario, os aproveitamentos urbanísticos obtidos polo Concello de Nigrán, segundo se establece no terceiro punto do propio acordo adoptado. Tal e como sinala Xavier Rodríguez “a Xunta abandonou a un dos concellos do país con máis dificultade de acceso á vivenda á súa sorte, pero ao mesmo tempo Nigrán non pode estar obtendo uns aproveitamentos urbanísticos, xa sexa en solo ou en fondos, sen facer nada ao respecto”.