O deputado do BNG no Parlamento galego, Paulo Ríos, mantivo unha xuntanza cos delegados da CIG membros do Comité de Subus Lugove, para analizar, desde o punto de vista laboral, a situación que atravesa o servizo de transporte prestado por esta empresa no Val de Miñor.
O portavoz de mobilidade e transporte do BNG estivo acompañado de Yasmina Moreira, Manuela Rodríguez e Xavier Rodríguez, representantes da organización nacionalista en Baiona, Gondomar e Nigrán, respectivamente.
Na reunión os representantes sindicais trasladaron os «incumprimentos reiterados do convenio colectivo de transporte de viaxeiros de Pontevedra, con imposición de xornadas abusivas, descansos insuficientes e outras irregularidades constantes que poñen en risco a súa seguridade e a das persoas usuarias do transporte público».
Ante ese relato, Ríos acusou directamente «á Xunta de Galiza de non actuar diante dos reiterados incumprimentos da empresa concesionaria, malia ser coñecedora das constantes denuncias por parte do persoal e das sancións impostas pola Inspección de Traballo». Denunciou, ademais, que esta actitude de «absoluta permisividade e complicidade por parte do goberno galego redunda directamente na deterioración das condicións laborais dos traballadores e traballadoras».
O deputado nacionalista lembrou as múltiples dúbidas e procedementos xudiciais que rodearon as licitacións do Plan de Transporte de Galicia, «que incluían sospeitas de repartos ilegais de mercado e aceptación de baixas temerarias». Así mesmo, cualificou de «escandaloso que, tras anos de deficiencias, a Xunta executase o rescate de varias concesións alegando un mutuo acordo coas empresas». «A Xunta prefire saídas ‘amigables’ no canto de abrir expedientes por incumprimentos reiterados, ocultando a información das condicións nas que se estaban a desenvolver eses contratos», sinalou.
Durante o encontro, Ríos denunciou con firmeza que os contratos actuais, que foron rescatados pola Xunta de Galicia, acumulan «moitísimos incumprimentos nos últimos anos sen que o Executivo autonómico tome medidas ao respecto». Segundo explicou o deputado, esta “falta de control e de sancións por parte da Administración pública inflúe de xeito directo na precariedade que sofre o cadro de persoal».
No caso concreto de LUGOVE no Val de Miñor e o Baixo Miño, desde o BNG subliñaron que a empresa «incumpre absolutamente todo en materia laboral, obrigando aos profesionais a sacar adiante o servizo, poñendo a carga no seu propio lombo«. Isto tradúcese «nun servizo deficiente e en que, por riba, sexan os propios condutores os que teñan que dar a cara ante os usuarios por un mal servizo que a Xunta permite».
Para o BNG, a Consellaría de Presidencia e Mobilidade está a facer un «deixamento de funcións manifesto, esquecendo que é a titular do servizo e a máxima autoridade laboral». Sinalan directamente «á Xunta de Galiza pola súa permisividade e esíxenlle actuar de inmediato e deixar de beneficiar ás empresas concesionarias que incumpren e precarizan».
Nese sentido, Paulo Ríos insistiu en que para mellorar o servizo “a Xunta debe tomar cartas no asunto de xeito urxente, poñerse do lado dos traballadores e traballadoras, esixir á empresa que cumpra estritamente o recollido no contrato en materia laboral e atender de forma inmediata as demandas do persoal», concluíu.
