Na Comisión Informativa realizada hoxe para ditaminar o anteproxecto do PXOM, o BNG, a través do seu portavoz municipal, Xavier Rodríguez, pediu respecto para os grupos políticos municipais e, por extensión, para toda a veciñanza á que representan, na tramitación da aprobación do que se di o documento máis importante do Concello de Nigrán.
Esta importancia choca coa convocatoria da propia comisión informativa que o ditaminou, realizada con pouco máis de dous días hábiles de antelación e incluíndo no medio o festivo local máis multitudinario do concello, o San Xoán, e prosegue coa fixación do pleno na semana seguinte, sen dúbida nun intento de dificultar a análise da inxente documentación que acompaña ao Plan Xeral.
Por este motivo, o portavoz municipal do BNG, ademais de facer constar a súa protesta, esixiu en balde que a convocatoria do pleno nunca fose con menos de dúas semanas de antelación, vista a importancia do asunto e todos os informes que recibiu. Hai que sinalar que «a parte dos informes sectoriais que se foron emitindo ao longo da tramitación, o PXOM recabou finalmente os informes da intervención municipal, xurídico, de secretaría, da enxeñeira municipal e do arquitecto municipal, que non estiveron a disposición da corporación ata a recente convocatoria da comisión informativa realizada hoxe».
Tramitar a aprobación deste documento como calquera outro asunto ordinario é “un insulto aos corporativos e a toda a veciñanza de Nigrán” en palabras de Xavier Rodríguez, que “só pode ter a intención de impedir unha análise minimamente rigorosa dos informes que o acompañan e tratar de realizar unha aprobación ás agochadas como foi toda a tramitación do PXOM”.
En calquera caso a formación nacionalista seguirá estudando minuciosamente os informes emitidos e «denunciando as advertencias de relevancia que poidan conter, mesmo despois da aprobación provisional se é preciso. O intento do goberno de escondela, tratando de que pase sen pena nin gloria, non nos condicionará na nosa labor de oposición que proseguirá incluso despois de realizada a aprobación plenaria».
«Temos claro que a nosa misión non é tanto velar polos intereses particulares, que deberán defender os afectados, como analizar a legalidade, sustentabilidade e oportunidade das actuacións contempladas neste modelo de PXOM” segundo sinalou Xavier Rodríguez.
