O BNG denuncia que PSOE e PP impiden a revitalización da Mancomunidade de Concellos do Val de Miñor. No proceso de modificación dos estatutos da Mancomunidade, os alcaldes de Baiona, Gondomar e Nigrán rexeitaron as propostas do BNG destinadas a reforzar a participación, a pluralidade política e a gobernanza compartida da entidade.

O Bloque lamenta a falla de vontade política de Almuíña, actual Presidente, Ferrreira e González para converter a Mancomunidade nun verdadeiro instrumento de cooperación ao servizo da veciñanza. “Pérdese unha oportunidade histórica para fortalecer unha institución chamada a liderar a cooperación entre os tres concellos e a afrontar conxuntamente os grandes retos da comarca”, denuncian.

As alegacións e emendas presentadas polo BNG perseguían precisamente ese obxectivo: modernizar a entidade, facela máis participativa, máis plural e máis útil para a cidadanía. Porén, unha parte importante das propostas nacionalistas foron rexeitadas polo PP e o PSOE, evidenciando unha preocupante falta de interese por impulsar o papel da Mancomunidade máis alá da súa mínima actividade actual.

Se ben desde o Bloque valoran positivamente que algunhas achegas fosen incorporadas ao texto definitivo –como a recuperación de competencias históricas relacionadas coa protección do medio ambiente, o abastecemento de auga e o saneamento, a inclusión da limpeza viaria e punto limpo entre os fins da entidade; ou a consideración da disolución da Mancomunidade como un acordo de carácter extraordinario–, os rexeitamentos resultan moi reveladores da visión que os actuais gobernantes teñen da Mancomunidade.

Resulta especialmente significativo que fosen descartadas propostas orientadas a reforzar a súa co-gobernanza. Así, os alcaldes optaron por eliminar a Comisión de Goberno, rexeitando tamén a súa recuperación como órgano colexiado no que estivesen representados os tres concellos nas decisións executivas. Unha decisión que concentra máis poder na Presidencia e reduce os espazos de coordinación e corresponsabilidade institucional.

Do mesmo xeito, foi rexeitada a proposta do BNG para garantir unha maior pluralidade política na composición da Xunta da Mancomunidade, permitindo a presenza de todas as forzas con representación municipal de cada corporación. A negativa a abrir a institución á diversidade política existente nos tres concellos supón unha oportunidade perdida para achegar a Mancomunidade á realidade social e democrática do Val de Miñor.

Tampouco prosperaron iniciativas destinadas a fomentar a participación cidadá, como a creación dun Consello de Participación Veciñal que permitise incorporar a voz do tecido asociativo e da sociedade civil ao deseño das políticas mancomunadas. Para o BNG, unha entidade que pretende representar os intereses comúns da comarca non pode vivir de costas á súa veciñanza.

Igualmente preocupante é o rexeitamento de propostas relacionadas coa promoción da lingua galega mediante a creación dun Servizo de Normalización Lingüística compartido polos tres Concellos, ou coa incorporación entre os fins da Mancomunidade de actuacións de promoción da igualdade e de loita contra a violencia machista. Ámbitos de actuación nos que a cooperación permitiría optimizar recursos e mellorar os servizos públicos.

A portavoz nacionalista na Mancomunidade, Manuela Rodríguez, considera que “a reforma dos estatutos debería servir para relanzar a institución e adaptala aos desafíos actuais do Val de Miñor. Por desgraza, a maioría das propostas destinadas a facer da Mancomunidade un organismo máis participativo, máis democrático e máis útil para a cidadanía foron rexeitadas sen a máis mínima vontade de debate e contraste”.

Para o BNG, o resultado final evidencia unha clara falta de ambición política por parte dos alcaldes de Baiona, Nigrán e Gondomar respecto do futuro da Mancomunidade. “Mentres os problemas compartidos da nosa comarca requiren cada vez máis cooperación e proxectos en común, PP e PSOE dos tres concellos pretenden reducila a mínimos, afastada do papel estratéxico que debería desempeñar”, conclúe Rodríguez.

O BNG reafirma o seu compromiso cunha Mancomunidade forte e ao servizo da veciñanza, e seguirá a traballar para que o Val de Miñor conte cunha institución capaz de liderar políticas compartidas que melloren a calidade de vida da cidadanía e reforcen a identidade e cohesión da bisbarra.