O BNG de Gondomar lamenta a pobreza da programación municipal de verán que demais  volve ter un trato desigual  coas festas e eventos parroquiais de verán. A organización nacionalista considera un gran desacerto deixar varias celebracións veciñais fóra da Programación de Verán publicada nas redes sociais do Concello.

A portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, sinala que “chama a atención a asimetría coa que son tratadas as parroquias neste concello”. Malia que, tras as críticas de anos anteriores, corrixiran en parte a ausencia de eventos, o alcalde e o seu equipo volveron deixar de lado gran parte do traballo cultural das entidades veciñais e das comisións de festas.

Desde o Bloque sinalan que, aínda que agora inclúan na publicidade da axenda municipal algunhas celebracións veciñais das parroquias, coma as festas gastronómicas ou algún festival, non ten sentido que este ano decidiran eliminar do cartel todas festas ‘patronais’ agás as de San Bieito.

Para o BNG, que só figuren as festas da Vila de Gondomar constitúe ademais un trato dobremente discriminatorio, xa que o Concello paga as festas de San Bieito, é dicir, “que as pagamos todos”, lembra Rodríguez, “mentres que as das restantes parroquias teñan que depender do traballo voluntario e da recadación conseguida polas comisións de festas”.

A voceira do BNG trasladou, a través do rexistro municipal, varias preguntas ao Alcalde para saber, por un lado, canto custan esas festas, porque “sabemos que se pagan integramente desde as arcas públicas, mais descoñecemos o importe”; e, por outro, canto achega o Concello ás festas e eventos de cada unha das demais parroquias. “A veciñanza ten dereito a saber se, ao igual que ocorre con outros investimentos, tamén neste caso Gondomar vila sae gañando”, indica Rodríguez.

Rodríguez trasladou tamén o malestar polos continuos problemas derivados de cancelacións de eventos publicadas con escasa marxe de tempo para seren coñecidas polo público ou sen lle dar unha solución alternativa para evitar a súa suspensión.

A concelleira solicitou tamén que se proceda a modificar a programación publicada coa introdución de todas as celebracións do concello, co fin de “corrixir ese trato desigual que despreza o esforzo das persoas que desde os colectivos parroquiais traballan arreo e voluntariamente para ofrecerlle aos seus veciños e veciñas actividades culturais e festivas durante todo o ano”.

Nese sentido, Rodríguez insta a que a responsábel de Cultura, que desfruta de dedicación exclusiva, “faga o seu traballo e contacte coas entidades para coñecer as datas deses eventos e para incluílos xunto coa oferta cultural e turística municipal anual”.

Mais, por outro lado, a portavoz nacionalista lamenta que a inclusión no cartel municipal de verán das actividades dos colectivos veciñais e de entidades culturais e sociais existentes no concello se utilice para ‘tapar’ o notable descenso na ‘cantidade e calidade’ do programa propio da Concellería de Cultura.

Desde o Bloque sinalan que, para alén de un maior número de concertos en xeral e de agrupacións e figuras da cultura galega en particular, bótanse tamén en falla actividades que sempre tiveron gran acollida, sobre todo na poboación máis nova, como o cinema na rúa ou festival de circo.

En resumo, para o BNG a programación deste verán segue a tónica da oferta anual da área de cultura: “empeora ano a ano, froito tanto da ausencia de ideas e dedicación como de orzamento específico e axeitado para unha área que non é en absoluto prioritaria para o goberno de Paco Ferreira”.